sábado, 16 de agosto de 2014

BURATOS FISCAIS AO NORTE E AO SUR

Andorra e Xibraltar son dous buratos fiscais históricos, coñecidos e, aparentemente, insuperables. O de Xibraltar adoita aflorar en verán como serpe de estío, agora actualizada por un informe da Unión Europea, que advirte ao Reino Unido e a España que hai que corrixir a anomalía. Xibraltar vive hoxe fundamentalmente do ventaxismo fiscal, incluído o xogo; aos británicos vailles ben porque lles aforra subsidiar unha colonia imposible, que sería o argumento decisivo para revisar o seu status e a soberanía. A fraude polo tabaco é clamorosa e a súa persecución non é asunto de enreixados, nin de rexistros (eses son beliscos de monxa) en fronteira; a orixe está nas compañías fabricantes e comercializadoras, e se os gobernos británico e español tivesen vontade e dilixencia para taponar a fraude sería cuestión de días.
Máis grave é o burato societario e mercantil que serve para burlar ao fisco español (e probablemente ao británico, aínda que estes compensan doutro xeito) e que nada ten que ver coa circulación de persoas; neste caso as viaxes son polas redes ou dende despachos en Londres ou en cidades españolas. Se os gobernos de España e o Reino Unido se puxesen ao labor de poñer punto final ao paraíso fiscal xibraltareño tamén sería cuestión de días.
O ministro español de Exteriores, doado de verbo, anunciou con suficiencia, ao pouco de ocupar o cargo, que en Xibraltar "se rematou o recreo". A estas alturas, dous anos despois, ninguén é capaz de interpretar que recreo?, de que falaba o ministro?
A Unión Europea, e a OCDE, deron pasos estes últimos tempos para taponar os buratos fiscais e propiciar os intercambios de información entre as autoridades fiscais, xudiciais e policiais para perseguir o branqueo de capitais, a fraude, a elusión fiscal e o delito organizado que adoita acompañar estes fenómenos. O avance é lento, pero empézase a percibir. Podería ir máis rápido, con sancións exemplares e disuasorias, pero vai lento e accidentado. Os intereses son poderosos e as causas xudiciais tropezan con defensas persuasivas e expertas. Por iso fai falta máis determinación política, pasar das palabras os feitos, do recreo á clase.Ao burato negro fiscal do sur únese o do norte: Andorra, que foi historicamente porta de entrada de diñeiro negro e de fuga de capitais. O segredo bancario empeza a debilitarse en todo o mundo, a globalización e o delito organizado, incluído o terrorismo, obriga os bancos a abrir os seus libros e ensinar os seus clientes. Suíza tivo que facelo e pouco a pouco os demais paraísos fiscais queren saír do club, polo menos aparentalo.
O caso Pujol abre a canle o caso andorrano; neste caso foron empregados da banca andorrana, polas razóns, que sexan, os que filtraron información sensible que desvela nomes de delincuentes fiscais de defraudadores como a familia Pujol. E esta xente, moi honorable e nada arrepentida, van demandar os seus cómplices por incumprimento do pacto de segredo. Non hai mellor proba do delito que esta denuncia, se a familia Pujol
demanda ao seu banco o caso vai ter interese e transcendencia, imos saber máis desta familia tan pouco exemplar.
Se o caso Pujol serve para poñer sobre a mesa a opacidade da banca andorrana e espanta aos defraudadores que confían en que o seu diñeiro estaba a cuberto, a viaxe terá pagado a pena. Algúns puxeron pés en polvorosa, peor o rastro queda, o diñeiro ule.

Ningún comentario: