luns, 18 de agosto de 2014

HABERÁ NOVOS RECORTES

Despois de tantas mentiras, faise moi costa arriba crer este Goberno, sobre todo cando asegura que a época de recortes rematou xa. Díxoo ao presentar os seus últimos cambios en materia tributaria e repetiuno agora, tras a divulgación dun inquietante documento con 255 medidas para reducir aínda máis o gasto público. Entre elas, novas fórmulas de copagamento sanitario, o aumento do número máximo de alumnos por clase e outro machadazo ao soldo dos funcionarios.O documento é tan infumable que nin o Ministerio de Facenda nin as comunidades autónomas -que son as que supostamente promoveron eses recortes- queren asumir a súa paternidade. De todos os xeitos, se non hai un cambio de plans, o Consello de Política Fiscal e Financeira abordará o asunto, e aí uns e outros terán que mollarse. Aínda que a proximidade dun ano de tan alta densidade electoral como 2015, no que haberá municipais, autonómicas e xerais, lles aconselle escorrer o vulto.
Ese apertado calendario, e a incerteza sobre o seu desenlace, non axudan precisamente a entender por que se fixo chegar á opinión pública un documento que só pode espertar a irritación social. Aínda non cicatrizaron as feridas abertas nas costas dos cidadáns polo flaxelo con que se lles trata dende aquel malhadado maio de 2010 en que Zapatero abrazou a política de axustes. Unha política que Rajoy seguiu aplicando despois, co resultado de retardar a recuperación.
Por culpa do austericidio, temos menos postos de traballo malia a EPA de onte, cobramos menos diñeiro e, en definitiva, somos máis pobres que antes do inicio da crise. O Goberno di que a mellora da situación se encontra á volta da esquina, pero a verdade é que non se ve síntoma ningún de que vaia ser así, polo menos na rúa. Só certos datos macroeconómicos -non todos- e o peto dos especuladores, grazas á mellora desa caricatura da economía que é a Bolsa, mostran un panorama mellor.
De aí que para o común dos españois a posibilidade de novos recortes constitúa unha auténtica provocación, e por iso a súa filtración só se entende se con ela alguén pretende picalos. Aínda así, do que non cabe dúbida é do manifesto desexo de polo menos unha parte do Goberno de dar outra volta de rosca ao gasto público, como se o Estado, cos servizos sociais á cabeza, non estivese xa suficientemente depauperado. Pode que non o fagan agora, por puro cálculo electoral; pero, se volven gañar, seguro que o acaba facendo.

Ningún comentario: