domingo, 24 de agosto de 2014

MARCA ESPAÑA: TI CONSTRÚE, QUE O PAGAMOS ENTRE TODOS

Benidorm é unha das cidades máis famosas de España. Éo por diversos motivos: un dos recheos favoritos dos telexornais en períodos vacacionais; segundo municipio con máis rañaceos do mundo (despois de Manhattan); e escenario frecuente de pelexas entre tránsfugas do PP e PSOE. Pero quizais a principal razón que lle deu esta fama é ser máximo expoñente dunha industria emblemática deste país: o turismo.
Como non podía ser doutro xeito, Benidorm está enchida de sombras. Probablemente a máis longa mide 200 metros de altura: 47 plantas que albergan 269 vivendas nun deseño que representa dous "1" unidos, suposto símbolo do seu poderío. Refírome ao edificio InTempo.
Trátase do edificio residencial máis alto de todo Benidorm (superando ao hotel Bali). De feito, é o segundo edificio residencial máis alto da UE. Ía ser un dos maiores pelotazos inmobiliarios da historia deste antigo pobo de pescadores, que ademais serviría para atraer máis turistas e marcar o principio do fin da crise en Benidorm. Quizais o titánico do proxecto fixo que os seus construtores non tivesen en conta os sobrecostes derivados das dificultades técnicas. Finalmente, a complexidade do proxecto fíxoo insostible. O crédito tóxico sobre o que se erguía o gran InTempo foi adquirido pola SAREB, "o Banco Malo".
Esta "xoia" do turismo español foi comprada por 46 millóns de € (cunha quita do 50%) a Nova Caixa Galicia. Esta entidade, á súa vez, adquiriu o crédito que lle concedera Caixa Galicia a Olga Urbana (construtora do edificio). Resultado: o crédito pertence á SAREB (diñeiro público), pero a propiedade é de Olga Urbana e a inmobiliaria Maxxima é a única que pode vendelo (de acordo ao contrato asinado coa SAREB).
En principio, o turismo podería ser unha fonte de riqueza para o noso país. Podería xerar postos de traballo dignos e un desenvolvemento sostible nas zonas que o impulsaran. Desafortunadamente, o Turismo "Marca España" non se caracteriza por ningunha destas dúas calidades. Pelotazos urbanísticos, emprego precario, conivencia entre grandes empresarios e unhas institucións que, cometan a atrocidade que cometan, sempre están dispostas a salvalos con diñeiro público, son as marcas da casa.
Temos un país especialmente ben dotado para o desenvolvemento turístico, pero temos un gran debate pendente. Protexer o ámbito natural e repartir a riqueza xerada de forma equitativa dende un punto de vista rexional e social é unha alternativa. Os "InTempos", "Algarrobicos", "Eurovegas" ou o suicida desenvolvemento petrolífero en Canarias, a outra opción. Os nosos políticos tomaron a posición que máis lles beneficia (a eles, claro). Mentres que non se cambien tórnalas, o turismo non será máis que outro exemplo de como solucionamos as cousas en España: sacrificamos "o que faga falta" para que empresas privadas poidan facer o que queiran co noso territorio, co noso diñeiro, e mesmo cos nosos dereitos.
Carlos Huerga-Público

Ningún comentario: