venres, 22 de agosto de 2014

PREÁMBULO FELIZ DO HOME DA RÚA

De Guindos gastouse 12,5 millóns de euros, entre o inicio da lexislatura e finais do mes de maio, en informes, estudos externos e outros traballos técnicos. O que máis chama a atención foi o servizo de xestión de tramitación de patentes e outros títulos da propiedade industrial e intelectual do CSIC nos exercicios de 2013 e 2014, cuxa suma arribou a algo máis de medio millón.
Estamos afeitos a estes gastos do Goberno español, o cal nos esixe austeridade aos españois mentres el desgasta os caudais públicos en cuestións que realmente non son esenciais para a tan afamada "recuperación económica".
Entre campañas de comunicación da débeda do Estado, gastos do CSIC -todo en relación coa tecnificación dos informes-, dispendios por parte da Secretaría de Estado de Investigación, alianzas co Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas -CIEMAT-, cifras astronómicas para a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, a Dirección Xeral de Comercio Interior, o Instituto de Saúde Carlos III, e non sigo porque este artigo me chegaría ata o final, o ministro De Guindos gastou un potosí só en asesoría e en información. Persoalmente estes gastos terían a súa relevación se se ativesen a funcións públicas, as cales se remitisen ao aproveitamento da cidadanía española. Pero nada máis lonxe diso. Este dispendio trátase dun dispendio ao que nos ten afeito o marianismo dende que chegou ao poder -ver o meu artigo "Os despachos da pobreza", onde, irritadamente, critiquei o gasto de 20 millóns de euros en remodelar os despachos dos ministros do Sóviet Popular-. Touréannos como o facían Frascuelo e Joselito. Estes señoritingos pénsanse que o pobo español caemos dos cumios dos chopos -alá onde Machado facía os seus versos-. Pero o pobo español está máis espelido que un touro saído de chiqueros. O pobo español é un animalario que morde, que está envelenado, que fai xustas con estas aparencias semiescuras. España vai de caldeiro como un pañizar sobre os corpos beliscados.
Aspiremos, polo tanto, cara ao claro nas cousas de España -dicía Ortega-. Aspiremos que este Sóviet neoconservador non diga unha cousa e, pola faltriquera, se saque os informes millonarios para outras cousas. Demasiado dor hai neste país para que De Guindos -de chile picante- zorregue o parné a costralada tras costralada. Señor lector, intelixente e avisado deste país de necios, sabe vostede que estes popularcillos rouban por onde poden, que usan os tópicos na súa propia cegueira, que manteñen as súas angosturas mentais en todo o que ten que ver coa felicidade da cidadanía indignada. Os trapos que imos coñecendo cada vez están máis sucios e a elegancia dos seus pensamentos políticos nada ten que ver cunha España en plena recuperación -por moito que o sorrinte Montoro nos a endiñe sempre que pode-. Este país agoniza no seu consecuencialismo do cidadán X.
Non hai saída. Todo son farsas e comedias barrocas. Aquí o importante é a urxencia que solicita este país para que veña xente verdadeiramente honrada e reforme, recambie, reformule un parlamentarismo que de parlamentario só ten a voz do presidente da Cámara. O Parlamente morreu. Leváronseo en coche fúnebre -pagado pola Gürtel- aos paraísos fiscais. Onde quedan os heroes? Onde está o berro pacífico e lomado en formas e mañás que saia a defender España como debe ser defendida? España está invertebrada. Cada día podémolo presenciar no BOE. Soñemos un home que sae á rúa e aínda siga tendo gañas de vivir.
Emilio Arnau

Ningún comentario: