sábado, 13 de setembro de 2014

A REXENERACIÓN DEMOCRATICA

 
O da rexeneración democrática é un chiste. Promovida polos mesmos que causaron o estrago, arróganse a facultade de arranxalo. Eles guísanllo e eles cómeno, tratando de darnos gato por lebre, ou en todo caso lebrato. Collen asuntos menores, populistas, por certo e preséntannolos como esenciais: estatuto do alto cargo, lei de control económico e financeiro dos partidos políticos, limitar aforamentos (dos xuíces, non dos políticos), regular indultos. Todos sen ningunha garantía de cumprimento. Unha broma sen graza. Alguén cre que cumprirían nin unha soa desas medidas sen trampas? Á parte do innecesario de todas elas se fosen serios e rigorosos.

Unha auténtica rexeneración democrática tería que comezar por actualizar a Constitución, que xa ten mofo. Facer que cambiala non sexa imposible, como de feito o é. O polo menos engadir as emendas necesarias, como na dos Estados Unidos, moi anterior á nosa.

Unha rexeneración democrática debería comportar que ningún español sufra unha vida indigna, por pobreza ou perda de fogar.

Unha rexeneración democrática sería revisar a submisión económica a Europa e os seus poderes financeiros. Unha indubidable separación de poderes e non o dominio absoluto do Executivo. Concretar a laicidade do Estado. Que as mortes silenciosas non aumenten por non se poder custear os medicamentos, si, non o neguen. Que nin deus nin o Rei cobren máis que o Presidente do Goberno (80.000 euros), e non o escándalo de cargos e ex cargos centrais, autonómicos ou municipais. Que o ensino sexa un ben declarado de interese nacional, e non o touro da Veiga. Que os medios de comunicación non manipulen nin terxiversen, nin públicos nin privados, non intoxicar dicindo que un rapaz vai ser xulgado por participar nunha Folga Xeral, sen dicir que polo que será xulgado é para saber se levaba unha mochila con explosivos ou llos colocou a Policía. Non chamar fillos de puta aos banqueiros, omitindo e eludindo a responsabilidade dos accionistas, verdadeiros propietarios dos bancos e incapaces de sindicarse, cando ningún banqueiro, nin o recentemente morto, posúe máis do 3% das accións entre é e as súas familias. Non dicir que dous partidos son a mesma merda sen selo. Os cidadáns tamén debemos rexenerarnos.
 
Que un traballador non sexa un escravo. Un Pacto nacional polo emprego, aclarando por que España ten o triplo de paro que a media da UE.

A rexeneración democrática significa potenciar a liberdade. Consultar ao pobo todo o transcendente. Saber que pensan os españois sobre os independentismos e as súas causas. Recuperar a confianza na xustiza (se é que algunha vez se tivo).

Facer de España un país algo menos cruel. Menos fanático, menos supersticioso. Menos tendencioso. Menos represivo nos dereitos fundamentais. Recuperar o tempo perdido na nosa torpe historia. Ser decentes, en fin. Admitir culpas. O outro, o que pergeñan estes señores son chorradillas, necesarias pero chorradillas.

Ningún comentario: