martes, 12 de decembro de 2006

SOLO URBANIZABLE


Autorizan solo urbanizable en Vigo a cen metros da costa
.
Urbanismo intenta preservar os dereitos de leiras recalificadas
.
A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia (CSUG) autorizou a redución do solo rústico de especial protección de costas a 100 metros da liña litoral pese a que a lei estende esa protección a 200 metros. Así ocorrerá en tres das catro actuacións do plan xeral de urbanismo de Vigo sometidas ao dictame da CSUG, dirixido non a autorizar urbanizacións, senón a preservar os dereitos dos titulares do solo.
-A proposta do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para reducir de 200 a 100 metros o solo rústico de especial protección de costas referíase a catro ámbitos concretos: Oia-Saiáns, Coruxo-Samil (na desembocadura do río Lagares), Samil-Alcabre e Ríos-Roteas. Os tres primeiros obtiveron luz verde da CSUG, que entendeu que había motivos suficientemente xustificados, mentres que denegó a proposta para a cuarta actuación. En todos os casos os acordos foron adoptados por unanimidade.
- Admítese, xa que logo, a conversión en solo urbanizable do solo rústico comprendido entre 100 e 200 metros da liña de costa, o que non quere dicir que se poidan construír no futuro urbanizacións nese espazo. "Os acordos van dirixidos non a dar cobertura a potenciais urbanizacións de vivendas, senón a protexer os dereitos dos propietarios dese solo, que pasa de ser rústico a edificable", sinalou Ramón Lueje Espina, director xeral de Urbanismo da Xunta.
-Na actuación de Coruxo-Samil a proposta do PXOM aprobada onte autoriza a recolocación dunhas instalacións deportivas que agora bordean a desembocadura do Lagares.
-A actuación de Oia-Saiáns contempla a creación dun aparcamento público e a construción dunhas dez vivendas unifamiliares, as mesmas que se verían afectadas na actuación de Alcabre.
-En Ríos-Roteas o PXOM suscitaba a redución do solo rústico de protección a 20 metros da costa e a CSUG non atopou razóns obxectivas que o xustificasen, polo que foi unánimemente desestimada e a súa solución queda pendente de incorporarse ao informe definitivo que evalúe o PXOM.
-O informe da CSUG é preceptivo e vinculante e adianta un paso na xa longa tramitación do PXOM de Vigo, que empezou a gestarse en 2001 e sobre o que a Xunta, logo de varios adiamentos, deberá pronunciarse definitivamente antes do 24 de xaneiro próximo.
-Esa é tamén a data límite que terá a Consellería de Medio Ambiente para informar sobre a adecuación do PXOM vigués ás esixencias da Unión Europea. Ademais doutros posibles contidos, o relativo á ubicación da depuradora é o que suscita máis expectación. O PXOM propón tres emprazamentos: Lagares, onde está a actual, Teis e Bouzas.

Ningún comentario: