sábado, 28 de xullo de 2007

ESCRITO AO PRESIDENTE DA XUNTA




ENTRADA REXISTRO DA XUNTA EN VIGO
DATA 24 XULLO 2007

SR. PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA
D. EMILIO PÉREZ TOURIÑO

.
A evolución urbanística no concello de Vigo, nos últimos anos, producíu unha transformación brutal da paisaxe e os ecosistemas, que afecta, degrada e compromete, para o futuro, a calidade de vida das persoas, e a supervivencia de especies animais e vexetais, que enriquecen e embelecen o noso hábitat.

As decisións ilegais -confirmadas por sentenzas xudiciais- e o incumprimento do deber de manter a disciplina urbanística e ambiental dos anteriores alcaldes de Vigo prexudicaron gravemente ao concello. Eles abriron a porta para que individuos e empresas nos roubasen parte da nosa personalidade e as nosas señas de identidade. Coa súa permisividade e irresponsabilidade, a contaminación ameázanos e os espazos naturais redúcense e enferman. Este é un asunto que ten importantes, e entrelazadas, consideracións éticas, legais, políticas e ambientais.

É desexable que Vigo estea gobernado por persoas competentes e honestas, e que a súa acción política sexa escrupulosa no respecto á lei, á natureza e aos cidadáns -o contrario sería antidemocrático e preconstitucional-, e, no que ao urbanismo se refire, sexan exemplo do seu predicamento os seus logros na loita contra a especulación e a corrupción. Os cidadáns conscientes e críticos sentimos moita vergoña allea nos últimos anos do goberno municipal de facto do PP e BNG.

Agora, tras as eleccions, os colectivos veciñais, que dende hai anos veñen loitando para que o PXOM de Vigo estea libre de intereses espurios, limpo de erros e equivocacións interesadas, escrito coa letra da lei e respectuoso co medio ambiente, teñen a confianza de que o Partido Socialista defenda dende o goberno un PXOM sostible para Vigo. O partido que vostede representa estaba máis sensibilizado coas barbaridades dun documento urbanístico (PXOM), que ninguén parece saber quen o promoveu. Moitos cidadáns votaron ao seu partido en Vigo, nas pasadas eleccións, hoxe encabezado polo Sr. Caballero como mandatario municipal. Esperamos que a nova andaina do novo alcalde polo camiño municipal sexa reveladora, que as nosas peticións e desexos non caian en saco roto, e que será capaz de transmitirlle ao concelleiro Sr. Domínguez Olveira (BNG) a idea de Vigo que temos, xa que o goberno do PP e o BNG non querían escoitar.

Sr. Presidente, o PXOM de Vigo é impopular; a súa tramitación está chea de numerosas manifestacións de rechazo polos cidadáns. O seu mero recordo produce desagrado; pero, tamén, esperanza. Esperanza no povo, no Partido Socialista e nos Gobernos.

Vostede recordará que o PXOM de Vigo aprobouse de xeito provisional o 30 de decembro do 2004, non acorde e as costas dos veciños e veciñas, de forma non democrática, e cunha forte oposición tamén do Partido Socialista.

Antes, a Coordinadora pola supresión da Rolda de Vigo presentaba no auditorio do concello o ditame “sostenibilidade do plan xeral de ordenación municipal e da rolda de Vigo”. As súas conclusións eran que polas gravísimas ilegalidades e deficiencias técnicas do Plan Xeral, había que elaborar un novo.

Aberto o prazo para as alegacións, de todos é sabido o elevadísimo número delas que foron presentadas: máis de 61.000, asinadas por máis de 81.000 cidadáns, colectivos e asociacións de afectados. Ao Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego non lles importou en absoluto o que dixo a cidadanía, os dous partidos políticos actuaban por riba da legalidade. As poucas contestacións que houbo ás alegacións deixan moito que desexar, xa que practicamente non se contestaron e, as que fixeron, na maioría, non foron razoadas.

O 13 de abril do 2005 faise a primeira manifestación contra o Plan Xeral que convoca a 10.000 cidadáns aproximadamente. O día 2 de xuño, dese ano, convócase a segunda manifestación que reuníu a 6.000 - 8.000 cidadáns; o 19 de xaneiro do ano 2006 faise a terceira manifestación. En todas elas, os cidadáns mostraban a súa disconformidade coas ilegalidades e inxustizas do PXOM, porque presenta un modelo económico insostible, incumpre a lexislación vixente sobre o territorio e protección ambiental, é especulativo, ten incorreccións na clasificación do solo e non cumpre cos compromisos da carta de AALBORG sobre desenvolvemento sostible.

No mesmo ano 2005, no mes de setembro, entregáronse polo rexistro xeral do Concello de Vigo, 21.065 sinaturas solicitando o seu sometemento a un referendo popular para decidir por medio do mesmo, se os cidadáns de Vigo queren o PXOM ou non. O PP dende o goberno, e o BNG coa súa abstención, encargáronse de negar un dereito e de non levar adiante a petición legal para dito referendo.

O Partido Popular e o Bloque Nacionalista, pretendían aproba-lo Plan Xeral no mes de xullo do 2005, pero o fracaso do PP nas eleccións autonómicas, deu lugar a pospoñer o mesmo para o mes de setembro, despois outubro, logo novembro, decembro... O que demostra que, o PXOM, está mal xestado, é un modelo insostible, destrúe o medio ambiente, ten graves deficiencias técnicas, é socialmente inxusto, non cumpre coa lei 9/2006 sobre Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), e carece de toda lexitimidade democrática. Non prevé infraestructuras que promovan a mobilidade sostible (tren, metro lixeiro, transporte marítimo etc.), non prevé conexións ferroviarias con Bouzas nin ao porto seco de Salvaterra, nin contempla tampouco a saída sur do futuro AVE.
O 13 de maio do ano 2006, antes da aprobación por parte do goberno local, e cos votos dos Nacionalistas e o Partido Galeguista, entrégase, por rexistro xeral do concello, o ditame titulado “EXAME DE LEGALIDADE DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL DE VIGO”, elaborado por un gabinete de avogados urbanistas. Remítese un exemplar a cada concelleiro/a, á Sra. Alcaldesa, Secretario xeral, Xerente de Urbanismo... e tamén ás personalidades de maior peso social, local e autonómico, como tamén á vostede, vicepresidencia e todos/as os/as conselleiros/as da Xunta, para que todos estivesen ao corrente das graves deficiencias de ilegalidade que ten este PXOM. Tan graves que, como queda demostrado co paso do tempo, o goberno municipal non foi capaz de arranxalo.

O 13 de xaneiro deste ano, entregouse, por rexistro xeral da Xunta de Galicia en Vigo, un MANIFESTO CIDADÁN SOBRE O PXOM DE VIGO, dirixido ao Sr. Presidente dá Xunta de Galicia, documento asinado por 22.049 cidadáns, solicitando a denegación do PXOM do Concello de Vigo, no que se explican todas as razóns xurídicas e técnicas, para non admitir este planeamento, e pedirlle a elaboración dun novo, partindo de cero. A esta entrega sumouse tamén, copias das 21.065 sinaturas que pediran o referendo no seu día ao Concello de Vigo.

A Consellería de Política Territorial pronunciouse o 19 de xaneiro do 2007, devolvendo o PXOM de Vigo, xa que se observaron graves deficiencias legais de toda índole e revela que, o mesmo, constitúe unha grande ameaza para Vigo. Xa o goberno do PP da Xunta no ano 2004, advertía de xeito firme ducias de ilegalidades. Isto dá idea de que este Plan Xeral non está elaborado para conseguir o ben público que la lei protexe, sino para beneficio dos promotores e a especulación do solo. Consideramos que a Xunta de Galicia, con todas as deficiencias relacionadas no escrito mencionado, non tivo a vontade política de terminar co o tan discutido PXOM, obrigando ao Concello a face-lo de novo. Feito que, ademais de protexer os dereitos dos cidadáns e dar seguridade xurídica ás operacións urbanísticas que se vaian a realizar no futuro, permitiría non seguir perdendo o tempo cun documento cheo de taras, e comezar a elaboración dun novo partindo de cero, cumprindo as actuais leis e as que se aprobarán proximamente relacionadas co urbanismo e o medio ambiente.

A Xunta de Galicia tampouco optou por construír sobre bases sólidas ao non esixir nese momento un estudo e un plan integral sobre saneamento e depuración de augas residuais da cidade de Vigo, que formase parte do PXOM (pasaron 7 anos desde o inicio da tramitación do Plan); tendo en conta que existía un acordo plenario entre os catro grupos municipais para non facer a nova depuradora no mesmo sitio, e dicir, na Xunqueira do Río Lagares.

O Presidente da Xunta de Galicia, –pensamos que- por coherencia coas leis que promove na defensa do litoral e da protección da paisaxe, así como as accións na defensa da legalidade urbanística, e consecuentemente coas declaracións efectuadas sobre a política urbanística seguida por algúns gobernos municipais galegos e particularmente ao Concello de Vigo; ten que apostar pola creatividade, a calidade e a valentía para sacar ao urbanismo do circuíto vicioso no que se encontra, e defender para Galicia e Vigo un proxecto claro de urbanismo, ordenación do territorio e de país que respecte o medio ambiente e transcenda o mero interese especulativo de este Plan Xeral.
Sr. Presidente, o Plan Xeral de Vigo adoece de graves erros e incorreccións que o invalidan e son motivos máis que suficientes para ditaminar que, incorre, en causa de nulidade de pleno dereito conforme ao disposto na Lei 30/1992 do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común. A seguridade xurídica debe ser un fin de primeira orde; neste senso, pódese afirmar que o Plan Xeral de Vigo non cumpre dito obxectivo. Por outra parte, hoxe non ten ningunha xustificación un modelo de desenvolvemento urbano invasivo que pretenda ocupar o territorio rural.

Estas circunstancias nos levan a consideración de que o Plan Xeral debe partir novamente dende ou inicio de sua andaina, afín de evitar, entre outras cuestións, as indesexables consecuencias que no campo da litigiosidad se han producido nos últimos anos a costa do vixente instrumento de planeamento. En calquera caso, y sen prexuízo do exposto no artigo 79 da lei 30/1992, na Disposición Cuarta: calquera cidadá, pode esixir , en todo momento, ante os órganos administrativos o cumprimento da lexislación e planeamento urbanístico. Por elo, poñemos en coñecemento das Administracións Públicas implicadas, as indicacións expresadas no presente escrito ao obxecto da sua valoración, e

SOLICITAMOS:

Que promova a redacción dun NOVO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO DE VIGO que incorpore o proceso da AXENDA 21 LOCAL; un estudo de sostenibilidade ambiental serio e non tendencioso; un estudo de mobilidade actualizado e sostible; un estudo económico financeiro que garanta a súa viabilidade; un estudo demográfico contrastado e real; unha cartografía recente; un estudo das necesidades de abastecemento e saneamento da auga de Vigo e da súa área. Que o novo PXOM cumpra a lei 9/2006, de 28 de Abril, que obriga aos plans a someterse a unha avaliación ambiental estratéxica (AAE) antes da súa aprobación, como así tamén o require a Unión Europea. E para rematar, e poder dicir con propiedade e total seguridade que é un plan legal e sostible; que cumpra tamén coa nova Lei 8/2007 do solo estatal; a nova lei de protección do litoral, e a futura normativa da Xunta de Galicia sobre ordenación do territorio, medio ambiente e desenvolvemento sostible, así como o Plan Sectorial de Vigo.
.
Sr. Presidente, se este Plan non ten futuro, non é sostible.

Vigo, 24 de Xullo de 2007

Ningún comentario: