venres, 28 de decembro de 2007

O PUDOR MUNICIPAL

Xoaquín Álvarez Corbacho.

A rendición de contas dos municipios galegos é lamentable e consentida. Só renden de forma completa e no prazo legal establecido a metade deles. O resto faino cando o estima oportuno ou ata non rende. Incúmprese así a legalidade vixente e crébanse aspectos sustantivos da ética democrática. Pero non pasa nada. Non existen sancións institucionais nin políticas. Tampouco a sociedade valora ben estas cousas (alcaldes que non renden contas son reelixidos por maioría absoluta). ¿Somos de verdade conscientes dos nosos déficits democráticos? ¿Pódense xestionar o patrimonio e os recursos públicos coma se fosen propios?
O Tribunal de Contas analizou a rendición das entidades locais e conclúe que os incumprimentos na materia débense a causas diversas: falta de vontade política para executar esa obrigación, complexidade dos documentos esixidos e do procedemento establecido para formar e aprobar a conta, insuficiencia de medios persoais e materiais, así como falta de apoio e cooperación das deputacións provinciais. O Consello de Contas de Galicia, logo de tres anos de análises e fiscalización dos municipios incumplidores, chega tamén a conclusións similares, pero inclúe no diagnóstico a desorganización administrativa, a ocultación interesada, así como a presenza crecente dunha certa conciencia de impunidade.
Pois ben, estas explicacións elaboradas, contrastadas e aprobadas polas institucións de control externo, ven alteradas, de cando en vez, por achegas novas. Agora aparece o pudor político municipal como factor crave para explicar a situación. Os nosos municipios non renden contas, ou o fan de forma insuficiente, porque son pudorosos; ou sexa, porque son recatados, prudentes, honestos, decentes, reservados ou cautelosos, que todo iso abarca a palabra pudor. Pero o pudor político non pode fundamentarse no incumprimento da lei democrática. Iso é outra cousa.
Os municipios non renden contas por deixamento e tolerancia laxa. As prioridades ordénanse de forma distinta. Ademais, se o incumprimento é gratuíto e xera ata beneficios diversos (cadran as contas, abundan os saldos positivos, desprázanse gastos ao exercicio seguinte, etcétera), a tentación é moi forte. Pero a insolvencia financeira a curto e longo prazo ten ocultación difícil.
Apelar ao pudor político para explicar a situación, pode ser ocorrencia simpática, pero axuda pouco a corrixir a agonía do municipalismo galego. Unha agonía que apenas valora a contabilidade, a planificación, os tempos e o control.

Ningún comentario: