venres, 27 de xuño de 2008

O PROGRESO


O PXOM de Vigo é a estratéxia galega da Xunta contra o cambio climático

.

O cambio climático cuadriplicará a zona apta para cultivar ribeiro
.
A colleita de millo adiantouse 34 días e a de pataca atrasouse 23
.
No ano 2070, se o cambio climático non bota o freo, poderase cultivar ribeiro de calidade desde máis arriba do Irixo ata máis abaixo de Celanova; desde Beariz ata Xunqueira de Espadañedo e case case ata Vilar de Barrio. Unha chea de localidades que hoxe quedan lonxe da denominación, poderán aparecer algún día no mapa da contraetiqueta xunto a Ribadavia, Ledo e Pontedeva, porque a área apta para o seu cultivo multiplicarase por catro ao subir a temperatura media anual. Isto, polo menos, é o que anunciou onte o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, durante a súa visita á Expo de Zaragoza.
Vázquez, que participou xunto a 50 ministros e conselleiros na Conferencia Europea de Rexións máis concorrida que se celebrou ata o momento sobre a materia (129 expertos de 56 rexións e 16 países), perfilou o escenario presente e futuro do cambio climático en Galicia. A temperatura media aumentou 0,18 graos centígrados por década nos últimos 45 anos, e hoxe hai 14 días cálidos máis e 23 días fríos menos ao ano que a principios da década dos 60. Nos últimos 30 anos, ademais, medraron as noites nas que non cae a xeada. En Santiago hai 52 noites máis nas que xa non periga a colleita, mentres que en Ourense son 38 máis e en Lugo, 11.
Pero chover, máis ou menos, segue chovendo o mesmo. Claro que en febreiro chove moitísimo menos (un 100% menos este ano) e no outono, bastante máis ou con bastante máis contundencia. É dicir, que cando cae, cae a cachón. Entre 2011 e 2040, non se apreciarán apenas diferenzas: as precipitacións só minguarán un 5%. Con todo, entre 2070 e 2100, as zonas máis secas de Galicia poderían perder un 25% das súas choivas, e as máis húmidas, un 15%.
No entanto, o cambio climático, nos últimos 30 anos, xa se deixou sentir nas colleitas. Segundo as medicións que están realizando en Galicia un centenar de científicos de 14 institucións en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, o millo adiantou o seu floración 20 días e a súa maduración, 34. Pero no caso da pataca e a cebada prodúcese o efecto contrario: o tubérculo florece 23 días máis tarde, e o cereal madura 21 días despois.
Desde 1970, a floración da vide na comunidade adiantouse 19 xornadas, pero a folla segue caendo como sempre. A uva madura 18 días antes e o viño é cada vez de mellor calidade. En 2070, din os expertos que traballan coa Xunta, o Ribeiro parecerase moitísimo ao Ribera del Duero.

Ningún comentario: