martes, 1 de xullo de 2008

AS DIRECTRICES DO PORVIR

A historia do planeamento territorial en Galicia é a historia dunha frustración. Iniciouse fai trinta anos co Plan Director Territorial de Coordinación de Galicia, que non chegou ata unha fase de avance, no que xa se recollía unha aposta polas dúas áreas metropolitanas da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, e por uns núcleos de concentración demográfica e de servizos, que intentou precisar o Estudo de Recoñecemento Territorial de Galicia de mediados dos oitenta coa definición dos nodos ou centros de comarca que asumirá a fracasada planificación comarcal dos noventa.
Finalmente, nesta década do novo século, presentáronse xa tres avances das Directrices de Ordenación do Territorio, de acordo coa Lei de Ordenación do Territorio de Galicia de 1995, aínda que só neste último, presentado o día 27 pola Consellería de Política Territorial, parece que existe a vontade de forzar os prazos coa intención de aprobalas.
Hoxe sabemos que a práctica máis xeneralizada reduciuse á aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio para cumprir cunha esixencia legal, pero sen establecer condicionamentos precisos que limiten as decisións das Administracións central, autonómica ou local á hora de establecer os seus plans sectoriais, incluídos os urbanísticos. Convertidos en declaracións estratéxicas a longo prazo sobre o modelo futuro do territorio, nin a Administración central nin, por suposto, a autonómica, sentíronse comprometidas polas súas determinacións específicas. Xa que logo, sería necesario que se aprobasen xa, cumprindo cos prazos legais, por unanimidade (é fácil estar de acordo sobre o modelo territorial que propón, incluídas as limitacións ao crecemento urban e á dispersión da urbanización) e pasemos a redactar os plans territoriais integrais (PTI) nos que se especifiquen as verdadeiras directrices do porvir, estendidas fundamentalmente, como sinala o documento actual, aos espazos metropolitanos (A Coruña-Ferrol, Vigo-Pontevedra) e ás áreas urbanas (Santiago, Lugo e Ourense), xa que o Plan de Ordenación do Litoral non pode esperar á aprobación das directrices, e é mellor que, en contra do que debería ser, apróbese como Plan Sectorial.
A proposta que realiza o documento presentado da delimitación dos espazos metropolitanos e áreas urbanas (aínda que de forma orientativa) non é diferente do anterior Avance (excepto no caso de Lugo) polo que non debería atrasarse a elaboración dos PTI, xa que a heteroxeneidade dos municipios incluídos e os problemas de coordinación da planificación urbanística, infraestruturas, equipamentos e servizos, fan imposible unha delimitación única, que en todo caso irá cambiando co tempo, coa extensión das áreas urbanas apoiadas na extensión dos servizos e as novas infraestruturas que soportan a mobilidade a escala territorial. Aceptada xa que logo a delimitación e o modelo territorial, pongámonos a traballar, xa que en realidade detrás da necesidade dunhas Directrices de Ordenación do Territorio comprometidas (e non só estratéxicas) están as insuficiencias do planeamento urbanístico municipal nas áreas máis urbanizadas, e as carencias e dificultades de coordinación administrativa dos plans sectoriais, polo seu carácter transversal, onde aos plans sectoriais que propón as directrices habería que engadir o da ordenación das marxes dos ríos, por ser un problema que non pode ser resolto exclusivamente desde a xestión das augas, nunha terra que ten que ter asociada á riqueza ambiental e paisaxística dos seus ríos un elemento de identidade, ou como sinalan as directrices para o litoral, de excelencia territorial. A iso habería que engadir ademais a necesidade de reclamar como determinacións excluíntes (e non só orientativas) a integración ambiental e paisaxística das infraestruturas (especialmente as viarias) e a calidade urbana e paisaxística das súas vilas, que son as que soportaron un urbanismo máis desacertado nas tres últimas décadas, onde a chamada á compactación urbana (en lugar da a estrutura urbana) pode ser contraditoria con esa calidade.
.
Carlos Nárdiz Doutor enxeñeiro de camiños, canles e portos

Ningún comentario: