xoves, 3 de xullo de 2008

DESTRUCIÓN CUSTE O QUE CUSTE

Greenpeace denuncia que a urbanización, os portos deportivos, a acuicultura e a contaminación das rías están destruíndo a costa galega.

.
Galicia quere aumentar os seus portos deportivos a pesar de que presenta un das porcentaxes máis elevadas de amarres por embarcación, superando en dez veces a Italia que, á súa vez, ten dez veces máis costa que Galicia. .. .

Greenpeace presentou a oitava edición do informe Destrución custe o que custe no que se repasa a situación do litoral. O documento analiza os 100 casos que revisten maior gravidade en relación co número de quilómetros de costa de cada unha das comunidades e cidades autónomas.
Andalucía, a Comunidade Valenciana, a Rexión de Murcia, Canarias, Ceuta e Melilla comparten este ano o primeiro posto dun hipotético podio como as rexións litorais que máis maltrataron a súa costa. No segundo posto estarían Cataluña, Baleares e Galicia, que continúan acosando o seu medio natural co ladrillo e a contaminación. Euskadi, Cantabria e Asturias séguenlles moi de cerca, replicando no norte o modelo devastador mediterráneo.
Os últimos anos non foron os mellores para a costa galega. Á marea negra do Prestige seguiulle outra gris, de cemento e formigón, que invadiu o litoral galego de urbanizacións ao máis puro estilo mediterráneo. Os concellos pretenden recalificar o seu solo para poder edificar unha cantidade similar de vivendas que se construíron en toda a historia de Galicia. O traballo de control do urbanismo que está levando a cabo a Xunta debe impedir que a costa galega perda a súa identidade.
Tamén é vital o labor da Xustiza que está xa actuando contra as irregularidades urbanísticas en municipios como Arteixo, Fisterra, Mugardos, Oleiros, Gondomar, Nigrán, O Grove ou Barreiros.
Pero aínda queda moito por facer. A diferenza das veciñas Asturias ou Cantabria, Galicia aínda non ten unha normativa específica que protexa e ordene a construción na costa, aínda que se espera para 2009. A economía costeira da rexión segue baseándose na pesca, o marisqueo e a industria asociada ao mar (estaleiros, conserveiras, cetarias, frigoríficos, piscifactorías). O seu turismo ten, en xeral, moito que ver coa gastronomía e a conservación da paisaxe, modelo que agora se trata de investir a base de especulación urbanística.
No informe Destrución custe o que custe 2008 destácase a gran expansión urbanística vivida por Gondomar e onde responsables municipais están sendo investigados polos tribunais; a paralización por sentenza da construción de 700 vivendas en Miño, as previsións desmedidas de crecemento urbanístico de Moaña para duplicar o número de vivendas actuais; o empeño do municipio de Sada en desenvolver un urbanismo moi afastado do que dita a normativa urbanística galega; e o afán de Sanxenxo en imitar o modelo urbanístico mediterráneo.
No capítulo de infraestruturas portuarias, o novo plan de portos deportivos presentado por Portos de Galicia expón pasar dos actuais 11.600 a 31.000, sen ter en conta os impactos ambientais negativos que terá a construción de novos amarres deportivos no medio ambiente. Especialmente preocupantes son os espazos de titularidade pública que perderán toda a súa riqueza natural, algo que terá un impacto directo sobre o turismo que goza das praias e sectores como a pesca e o marisqueo que supón 20.000 empregos directos e son responsables do 10% do Produto Interior Bruto galego.
No informe de Greenpeace destácase a ampliación que pretende levar a cabo a Autoridade Porturia de Vigo, enchendo 270.000 m2 de ría. Unha magnitude desorbitada se temos en conta nos terreos do porto existen 960 concesións a empresas que non deberían ocupar espazo portuario. A única actuación posible no Porto de Vigo é optimizar o seu actual uso antes de detraer máis espazo mediante recheos. Tamén se chama a atención sobre as novas infraestruturas portuarias de Bueu, Baiona, Cedeira e Cangas do Morrazo, que provocarán graves afeccións ambientais.
..

Ningún comentario: