domingo, 31 de agosto de 2008

O FINANCIAMENTO DOS CONCELLOS

As licenzas urbanísticas caeron en Galicia un 35% en só un ano
.
A crise da construción pon en evidencia o modelo de financiamento dos concellos galegos
.
A diminución supón un pau para os ingresos por permisos de obra e IBI dos concellos
.
A crise do sector da construción converteuse nunha bomba cuxos efectos tocaron de cheo ao modelo de financiamento municipal en Galicia. O descenso dun 35% no número de licenzas para a edificación de vivendas experimentado durante o primeiro cuadrimestre deste ano nos concellos galegos, en relación ao mesmo período do 2007, confirma a caída de ingresos á que terán que facer fronte as arcas de boa parte dos municipios. O dato, publicado onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE), mostra como o número de permisos caeu desde os 15.802 concedidos entre xaneiro e abril do 2007 ata os 10.197 outorgados nos mesmos meses deste ano, a pesar de que neste período as concesións de licenzas multiplicáronse para esquivar as Normas do Hábitat.
A diminución de 5.605 licenzas vai notarse, sobre todo, nos ingresos por tributos dos concellos. En consecuencia, estes terán graves dificultades para poder sufragar os gastos dos servizos que prestan. A caída do número de licenzas incide directamente no cobro do imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO), un gravame que, aínda que non é obrigatorio, cobran o 93% dos concellos da comunidade. Neste sentido, o economista e membro do Consello de Contas Xaquín Álvarez Corbacho explica que os concellos anímanse a aplicar esa taxa porque non é un tributo impopular como pode ser o da auga ou o lixo, «xa que a maior parte das construcións que se fan na comunidade realízanas inmobiliarias ou construtoras que logo inclúen ese gravame na factura que cobran aos particulares pola compra dos inmobles», comenta.
.
Outros gravames
.
Pero xunto ao ICIO, hai que engadir todos os gravames asociados ás vivendas. Un deles é o imposto de bens inmobles (IBI), unha cota directa que grava o valor catastral das construcións e a principal fonte de liberdade financeira dos concellos. A razón é que o IBI é, segundo Álvarez Corbacho, o principal tributo que cobran os municipios e a terceira fonte de ingresos por detrás das transferencias do Estado, fixadas en base a criterios poboacionais e de superficie, e das axudas da Administración autonómica e das deputacións. Ata hai algúns, engade este economista, nos que o imposto de bens inmobles ocupa o segundo lugar no capítulo de ingresos. Logo hai que incluír os impostos por subministración de auga, rede de sumidoiros ou lixos, uns tributos que moitos concellos, sobre todo aqueles con menos habitantes, non cobran por ser «impopulares».
As vivendas proxectadas nalgúns plans xerais presentados polos concellos, que no seu día foron cualificadas de esaxeradas pola Xunta, dan conta da importancia que teñen os ingresos por licenza de obra para os concellos. Un exemplo é o caso de Triacastela, en Lugo, un concello de 820 persoas no que estaba previsto levantar 1.200 vivendas en oito anos, tal e como recollía un primeiro proxecto de plan xeral.
.
.

Ningún comentario: