mércores, 10 de setembro de 2008

ADEGA DENUNCIA O GORXAL

. .
Adega denuncia as irregularidades da empresa Quimi-Zor
.,

.
Outra vez máis un incendio nunhas naves industriais orixina unha catástrofe ecolóxica nun río. Desta vez tocoulle o río Lagares que, por outra banda, xa coñece ben o que son vertidos contaminantes industriais de todo tipo, o último este venres 8 de agosto. Hai xusto dous anos que aconteceu a catástrofe ecolóxica no Umia polo accidente da Brenntag en Caldas de Reis, e que provocou un vertido no río contaminando gravemente varios Km e poñendo en perigo a toda a Ría de Arousa, con toda a súa riqueza piscícola e marisqueira.
Daquela, o Conselleiro de Medio Ambiente Sr. Vázquez prometeu facer un censo de empresas que elaboren ou almacenen produtos tóxicos ou contaminantes. Non sabemos se as empresas que arderon onte estaban ou non no censo, ou tan sequera se existe ese censo, pero o que si sabemos e que manexaban produtos tóxicos e contaminantes a pouca distancia dunha canle fluvial. Logo deste desastre imos coñecendo novos e preocupantes datos: das once empresas que arderon somentes unha tiña licenza de actividade, a mesma na que se orixinou o incendio e que dispuña só de licenza para almacenar deterxentes, malia a que tamén había almacenados outros químicos perigosos e inflamábeis como lixivia ou alcol. A primeira consecuencia destes feitos é que fallaron todos os sistemas de inspección que deben velar porque se cumpra a legalidade.
De seguro que ao longo do país existen numerosísimas empresas en situación similar froito da permisividade das administracións e da política do tí vai facendo que logo xa che darán a licenza. Esta situación é inadmisible e remata tendo as consecuencias que acabamos de observar. Un accidente pode pasarlle a calquera pero os protocolos de actuación deben servir para minimizar os riscos e as consecuencias dos accidentes alén de proporcionar información e establecer os protocolos para a resolución dos problemas que poidan xurdir. De existir un procolo de actuación non sería necesario que un veciño da zona que pasaba por alí advertira que o río Lagares ía cheo de escuma, porque as forzas de seguridade e os bombeiros coñeceríano xa antes de saír pola porta. No entanto, tivo que ser un veciño quen advertiu da presenza de escuma no río e que a empresa tiña ademais mercadorías tóxicas e perigosas sen declarar. Como resultado, as balsas de decantación foron postas cando o vertido xa chegara ao río porque non existía información suficiente para telo feito antes.
A empresa Quimi-Zor tamén carecía de sistema contraincendios. Onde están os inspectores necesarios para que se cumpra a legalidade vixente?, Moitas veces sanciónase a veciños/as por pequenas actividades domésticas contra o medio ambiente pero sen embargo determinadas empresas campan as súas anchas no medio do descontrol administrativo. Una vez máis comprobamos que os medios de prevención e os protocolos de actuación non foron aplicados. Onde estaba a balsa estanca que tiña que reter o vertido?, Tiñan os bombeiros comprida información sobre os produtos que había no almacén incendiado?

Ningún comentario: