mércores, 10 de setembro de 2008

PERIGO NA RIQUEZA MARISQUEIRA

A contaminación crecente pon en perigo a riqueza marisqueira das rías galegas
.
.A contaminación rexistrada nas rías galegas que dispón dos mellores bancos marisqueiros de moluscos bivalvos, entre os que figura a vieira, aumentou "exponencialmente" desde os últimos 20 anos. As zonas de maior riqueza produtiva coinciden, precisamente, coas cinco áreas do litoral da comunidade onde máis se degradou a calidade das augas: Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Arousa.
Así o asegurou o director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña -Ferrol, A Coruña- da Universidade de Santiago (USC), Victoriano Urgorri, quen explicou que a elevada presenza de toxina amnésica (ASP) e, xa que logo a prohibición de extraer vieira, é unha "consecuencia" da contaminación das rías.
O incremento da poboación, a falta de depuración dos residuos urbanos, a filtración de fertilizante e outros produtos químicos, así como a actividade industrial e portuaria son os factores que máis contribuíron a esta situación. A contaminación dos ríos galegos contribúe, como destacou, a agravar esta situación ao desembocar no mar.
A este respecto, agregou que, no caso de Ferrol, as dimensións da súa ría son "pequenas" para os preto de 150.000 habitantes que concentran a cidade departamental e os seus núcleos veciños. Unha circunstancia á que, como no caso da Coruña, súmase a actividade de industrias e os seus respectivos portos. "Estamos matando a galiña dos ovos de ouro", advertiu en relación á riqueza marisqueira e pesqueira de Galicia.
"A microalga que xera esta toxina natural é a mesma que a que xera a diarreica ou a paralizante", sinalou para engadir que, do mesmo xeito que as ameixas ou mexillóns, a vieira incorpora esa sustancia ao filtrar a auga. O tamén catedrático de Biozooloxía Mariña da USC considerou que os efectos "a medio e longo prazo" deste tipo de biotoxina, descuberta a finais do século XX en Canadá, contribúen a que os consumidores minimicen a gravidade de inxerir vieira sen identificar a súa procedencia previamente.

Ningún comentario: