martes, 27 de xaneiro de 2009

Á LUS DO CANDÍL

Catro días despois do ventarrón é moi probable que, nalgúns lugares de Galicia, aínda teñan que acender un misto para ler este texto. Touriño xa prometeu axudas nun decreto nada electoralista que asinará no consello do xoves. E Quintana? Supoño que, na súa liña de goberno coordinado, auspiciará outro concurso eólico, por que non aproveitar o vento, ou de prazas para toda a vida nas residencias de Benestar, con exames para tremer de como moito cinco temas.Tamén este Bloque estudaría unha macrofesta amenizada por superpiñeiro para todos os que sufran problemas. Se lle deixasen falar a Beiras.
Así levan presidente e vicepresidente toda a lexislatura. Que pesado resulta que a Xunta fale coa lingua bifurcada propia das serpes. O máis curioso é que se rebobinamos e pensamos en que fixese Fraga tras un temporal, resulta que o mesmo que Touriño e Quintana. Fraga prometese diñeiro e, probablemente, o resolvese todo cunha queimada con superpiñeiro. Tantos anos esperando un cambio para que todo siga igual. Touriño e Quintana gobernan polo sistema de Fraga. Parecen os seus discípulos. Moitas audiencias, inauguracións, visitas, fotos para os xornais... É que nunca están nos seus despachos traballando, como os directivos normais? É que Galicia está condenada a que ninguén planifique nada? Só faltoulles anunciar un clúster de temporais, con sede no Gaiás.
César Casal

Ningún comentario: