xoves, 8 de xaneiro de 2009

VIDA NOVA, PREZOS NOVOS

O reino da choiva.
.
Aquí teñen o costume de felicitarnos a chegada do ano novo cun anuncio da subida dos prezos dos produtos e servizos básicos. Véñeno facendo desde fai décadas, sen que nós reaccionemos. Collemos o xornal e vemos que nos subiron o transporte, a luz, a auga, o teléfono, a peaxe das autoestradas, o billete dos trens, o taxi, o tabaco, o coñac e o leite condensada e quedámonos tan frescos. Aínda que as subidas dupliquen o IPC. Aínda que entremos nun dos anos máis tormentosos das nosas vidas, a ninguén se lle ocorre montar unha manifa, nin tan sequera protestar. Debe de ser que nos dá tranquilidade que Solbes se mostre convencido de que imos ter un bo ano, aínda que non sabemos se cando o di está pensando en Ana Patricia Botín ou en vostede e en min.
O caso é que aquí todos apúntanse á subida dos prezos e xustifícano estupendamente. Pero ninguén, absolutamente ninguén, fala de mellorar os servizos. Sobe a luz, pero no centro da Coruña seguirán producíndose cortes. Soben os billetes de tren, pero seguimos con vagóns dos anos corenta. Sobe a telefonía, pero seguiremos quedándonos coa palabra na boca cada vez que pasemos por unha zona de sombra, que lle chaman. Volve subir a telefonía, pero Internet é un invento descoñecido, por moita liña ADSL que nos haxan encasquetado. Soben as peaxes das autoestradas, pero seguirán coa mesma sinalización e soportando longas colas.
Están empeñados en facernos a vida case imposible. E non pode dicirse que fallen nos seus obxectivos. Soben prezos, pero ninguén nos dá unha explicación, nin desde as empresas, nin desde a Administración. Así que nos quedamos con prezos europeos e servizos máis propios de Burkina Faso.
.
Ernesto Sánchez

Ningún comentario: