mércores, 14 de xaneiro de 2009

PSOE DE VIGO, FALTA DE GARANTÍAS DEMOCRÁTICAS

O sector crítico do PSOE vigués apunta "graves incumprimentos" na asemblea
.
O sector crítico da agrupación do PSDEG-PSOE de Vigo, xustificou a impugnación da asemblea para propor aos candidatos a formar parte da lista que se presentará por Pontevedra ás próximas eleccións autonómicas, debido a "graves incumprimentos".
Este grupo de militantes de base replicou así á Executiva do partido que, nunha rolda de prensa, defendeu o proceso de votación da asemblea como "democrático". O grupo crítico respondeu a estas manifestacións denunciando que a dirección local do PSOE "intentou coar unha votación con dúas papeletas", o que impedía aos militantes votar nun sistema de listas abertas, como se establece "claramente" no regulamento do partido.
Estas fontes sinalaron o proceso como un "grave incumprimento do sistema", polo que retiraron aos candidatos que propuxeran e abandonaron a asemblea sen votar. Así mesmo, apuntaron como "curioso" o feito de que ao comezo da mesma acreditáronse 250 militantes e o resultado do reconto fose de máis de 400 votos.
Ante un procedemento "con falta de garantías democráticas", anunciaron que nos próximos días trasladarán un recurso á Comisión Executiva Nacional Galega, e pediron á dirección do partido en Vigo que "asuma o pluralismo do socialismo vigués". Nese sentido, recordaron que os críticos, tanto,como outras correntes, supón un 38 por cento dos militantes que votaron na última asemblea de elección da Executiva.
Finalmente, estes militantes afirmaron que, "por lealdade ao partido", preferiron "non ser máis explícitos" nas súas denuncias, xa que "hai unhas eleccións á vista", aínda que precisaron que non renunciarán "á defensa da democracia interna do partido e da verdade ante os cidadáns".

Ningún comentario: