venres, 9 de xaneiro de 2009

O 43% DO NOVO PLAN EÓLICO ESTÁ NA REDE NATURA

A Consellería de Industria admitiu 985 megavatios en 19 paraxes naturais de Galicia
.
O futuro grupo lácteo, Acciona e outros dous operadores teñen todos os seus parques en espazos protexidos
.
O 43% da potencia admitida a trámite no concurso eólico da Consellería de Industria corresponde a parques situados en espazos protexidos. Destes, un terzo pretenden situarse sobre o actual mapa de Rede Natura 2000, e o resto sobre a proposta de ampliación que xa concluíu a Consellería de Medio Ambiente. En total son 28 (dos 78 admitidos a trámite) os anteproxectos que planean a instalación de muíños en 19 paraxes naturais con algún tipo de protección.
Sobrepondo os emprazamentos dos 2.290 megavatios repartidos por Industria cos mapas de Rede Natural, tanto o vixente como a ampliación, pódese concluír que 286 deses megavatios sitúanse sobre espazos xa protexidos formalmente e 986 invaden as áreas que se pretende preservar.
O pasado 26 de decembro, cando se fixo pública a resolución do concurso eólico, o conselleiro de Industria, Fernando Branco (BNG), explicou que durante o proceso de análise das candidaturas descartáronse «52 proxectos por solapamiento con parques xa existentes ou por estar en zonas de Rede Natura». No entanto, na lista de anteproxectos admitidos aínda hai once parques que afectan total ou parcialmente a paraxes incluídas no actual mapa.
Costa da Morte e Xistral
A maior parte están situados nos dous grandes corredores do vento galego: a Serra do Xistral e a Costa da Morte. No primeiro emprazamento atópanse os tres parques que lle tocaron na repartición a Acciona (Labrada, Lomba e Mareiro), así como un de EdP-Hidrocantábrico (Abadín). O grupo luso-asturiano ten tamén dous parques no espazo natural da Costa da Morte (Salgueiras e unha repotenciación en Corme).
O resto de proxectos previstos sobre a Rede Natura actual pertencen a Enerxías Renovables de Galicia (a firma eólica de Construtora San José proxecta un parque en Becerreá que afecta aos espazos protexidos de Miño-Neira e Os Ancares-O Courel); Aucosa (o grupo de conserveiras pretende instalar muíños no Esteiro do Tambre); Olivento (parque Monte Seixo, na Serra do Cando), e Eufer (a firma que posúen a medias Enel e Fenosa solicitou unha repotenciación en cabo Vilán). A última afección a Rede Natura corresponde a un proxecto de Fergo Galicia, que pretende instalar muíños no parque eólico de Alfoz, nos espazos Ría de Foz-Masma, río Ouro e Serra do Xistral. Neste último caso, trátase dun proxecto correspondente a un plan eólico aínda vixente, que non fora desenvolvido na época do PP.
A lista de parques proxectados sobre a proposta de ampliación de Rede Natura é moito máis ampla. Entre eles atópanse os de Ventos Cooperativos, que ten o 100% dos seus megavatios (192 recibiron no concurso) sobre paraxes protexidas. A firma que agrupa a Feiraco, Os Irmandiños, Colaga e Icos pretende instalar catro parques na Cunca do Eo e no espazo natural de Brañas do Deo. O segundo promotor con máis megavatios sobre os mapas de Rede Natura é San José. Ademais do citado en Becerreá, a división eólica de Jacinto Rei proxecta levantar outro parque na localidade lucense, afectado polo espazo Miño-Neira, o denominado Punago Sur II, no mesmo paraxe, e outro, nos Sobreirais do Arnego (A Golada).
Todos estes parques deberán iniciar agora unha complexa tramitación administrativa, que require unha declaración de impacto ambiental positiva. Os muíños que pasen os trámites necesarios aínda tardarán máis de ano e medio en ser instalados nos montes galegos.
.
la voz

Ningún comentario: