domingo, 1 de febreiro de 2009

ADEGA OUTORGA O PREMIO "DIOXINA" A ENDESA, FENOSA E IBERDROLA

A asociación ecoloxista Adega deu a coñecer os premios 'Dioxina', cos que castiga os peores comportamentos ambientais en Galicia, que nesta edición foron a parar ás empresas Endesa, Fenosa e Iberdrola na categoría colectiva e ao secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e presidente de Augas de Galicia, Jorge Santiso, na modalidade individual.
No lado oposto, o colectivo ecoloxista outorgou o premio 'Osíxeno' ao mellor comportamento ambiental, que na categoría individual recoñeceu o labor do veciño do Courel Xan de Vilar e que no plano colectivo levouse a cooperativa de cultivo ecolóxico Raíña Lupa, situada en Carnota (A Coruña).
Concretamente, Adega explicou que decidiron outorgar o premio 'Dioxina' ao "trío caveira" conformado por Endesa, Fenosa e Iberdrola pola súa "ambición inesgotable", a súa "falta de sensibilidade ambiental" e o seu "total desprezo" polo patrimonio natural de Galicia. Entre outros exemplos diso, citou a emisión de gases contaminante, as "agresións" ao río Eume ou as novas centrais hidroeléctricas nos ríos Miño e Sil. En canto ao presidente de Augas de Galicia, recriminoulle a súa "inoperancia" e "deixamento" ante as "continuas agresións" que sofren os ríos galegos. Tamén lle acusou de utilizar as axudas públicas como "instrumento clientelar" para promocionar un ecoloxismo "acrítico e servil".
Fronte a isto, Adega outorgou o premio 'Osíxeno' á cooperativa de cultivo ecolóxico Raíña Lupa pola súa "valentía" na oposición á piscifactoría de Quilmas e a súa "imaxinación e esforzo" na loita contra o Plan Acuícola.
No plano individual, Xan de Vilar resultou premiado polo seu defensa do patrimonio do Courel, un compromiso persoal concretado no museo etnográfico A Casa do Ferreiro ou na restauración e conservación da Ermida de San Roque, entre outras actuacións. Os premios 'Osíxeno e Dioxina', que este ano alcanzan a súa oitava edición, entregaranse proximamente na localidade coruñesa de Melide.

Ningún comentario: