martes, 10 de febreiro de 2009

OS SOCIALISTAS RENUNCIAN A REGULAR AS AXUDAS AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN PRIVADOS.

O programa electoral do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG) renuncia a levar a cabo o compromiso do pacto de Goberno de regular as axudas e subvencións que, de forma non regulada, reciben os medios privados de comunicación desde os tempos da presidencia de Manuel Fraga.
O pacto de Goberno, asinado por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana o 23 de xullo de 2005, comprometía a ambos partidos a establecer "unha regulación transparente e obxectiva das relacións coas empresas privadas de comunicación, ligándoas en todo caso ao cumprimento efectivo de fins de interese público en busca dunha opinión pública plural".
O programa electoral socialista, en cambio, non dedica unha soa liña a este obxectivo. Da oferta política do partido de Touriño desapareceron ademais outras promesas pendentes desde fai tres anos e medio, como a creación do Estatuto do Xornalista, concibido para defender a independencia dos profesionais tanto dos políticos como das empresas.
Cifras millonarias
Coa regulación das axudas, que BNG e PSdeG nunca levaron a cabo, o bipartito pretendía pór fin á distribución a dedo de cifras millonarias de diñeiro entre os medios privados de comunicación (prensa e radio, fundamentalmente) coas que a Xunta asegúrase a súa fidelidade.
O alcance destas prácticas saíu á luz en xullo de 2007, cando o Consello de Contas deu a coñecer que a Xunta presidida por Manuel Fraga concedeu discrecionalmente 14 millóns de euros a través de convenios aos medios de comunicación só no ano 2004, unha cifra que non inclúe o diñeiro repartido desde empresas e organismos públicos, nin a publicidade institucional ou outros contratos.
O Consello Contas facía constar ademais a existencia de numerosas irregularidades en varios expedientes e criticaba especialmente a falta de concorrencia e a ausencia de criterios obxectivos de selección para xustificar a concesión destas transferencias públicas.
Socialistas e nacionalistas non só non puxeron fin a estas prácticas senón que as continuaron sen ningún control durante toda a lexislatura, repartindo importantes sumas de diñeiro entre os medios de comunicación privados.
El Pais

1 comentario:

Anónimo dixo...

1 de Marzo dia do
"SANTO CORRUPTO VAITE DO BINGO"
debe se este un santo milagreiro pola cantidade "anuncios" que ten por toda la comarca e sobre todo en Vigo.