sábado, 14 de marzo de 2009

FAI FALTA UNHA ECONOMÍA VERDE

A redución de emisións españolas de gases de efecto invernadoiro en 2008 foi o resultado de varios factores. Influíu a crise? Por suposto, pero sería simplista concluír que tan importante redución foi unha consecuencia automática desta. O PIB creceu un punto en 2008, mentres que as emisións caeron varios. O sector onde máis caeron foi o eléctrico, pero isto non sería posible se o sistema español non contase con renovables para substituír o carbón. Tampouco se o consumo enerxético non fose máis eficiente por cuarto ano consecutivo, corrixindo o insostible crecemento da intensidade enerxética da economía entre 1990 e 2004. É de esperar que a eficiencia continúe mellorando, pois algúns dos sectores que entraron en crises, como a construción ou o transporte, son os máis ineficientes.
A crise que padecemos non é só financeira, senón que as súas raíces están nun modelo produtivo triplemente insostible: no económico porque non hai nada máis insostible -en España ou en EE UU- que unha economía sostida pola especulación inmobiliaria cuxa crise arrastrou a dun sistema financeiro demasiado desregulado e especulativo; no social, porque xera empregos descualificados e moi vulnerables aos cambios de ciclo, e no ambiental, porque a presión sobre o territorio foi tremenda coas emisións de CO2 en continuo crecemento.
A crise é tamén unha oportunidade para rectificar. Nicholas Stern, no seu informe sobre a economía do cambio climático, definiuno como o maior fracaso do mercado xamais visto. Será necesaria unha importante acción pública, como a proposta de Green New Deal para afrontar a crise inspirou o programa económico de Obama, orientado ás enerxías renovables, a saúde e a educación como eixos do novo modelo. Diso trátase.
Tamén España, se o Goberno fose capaz de emprender unha acción máis decidida, tería unha oportunidade extraordinaria. Despregando masivamente as enerxías renovables, rehabilitando edificios para facelos máis eficientes, electrificando o transporte para facelo máis sostible, apostando pola investigación na nova economía verde... non só adoptaría un comportamento climáticamente responsable, cumprindo con Kioto, senón que xeraría millóns de empregos e, sobre todo, podería recolocarse no novo panorama internacional, cunha economía máis sostible. Esa é agora a cita da historia.
Joaquín Nieto é presidente de honra da Fundación Sustainlabour

1 comentario:

Anónimo dixo...

Bueno, xa dimitiu o señorito Quintana, agora fai falla que lle siga o camiño o impresentable Santi Dominguez, responsable da desfeita en Vigo e comarca.

Mª Mendez e a persoa mais axeitada como portavoz do BNG no concello de Vigo