domingo, 12 de abril de 2009

BALTAR PREMIA AOS RESPONSABLES DO PXOM ILEGAL DE OURENSE

A Deputación recoloca ao antigo equipo do goberno local de Ourense Ricardo Campo Labrador, concelleiro de Urbanismo do Concello de Ourense cando se produciu o cambiazo na cartografía do Plan Xeral de Ordenación Muncicipal (PXOM) de Ourense, foi contratado por José Luís Baltar na Deputación. O ex edil, avogado de profesión, figura na lista de contratados temporais deste ano en calidade de auxiliar de oficina con destino no departamento de Cooperación Municipal. Xunto a el, Baltar empregou na institución provincial á metade dos integrantes da xunta de goberno daquel Concello presidido por Manuel Cabezas que aprobou o planeamento anulado de momento por oito sentenzas xudiciais. Tamén atopou acubillo na Deputación, como xerente dunha nova sociedade urbanística, o técnico que no seu día avalou a adxudicación do planeamento urbanístico da cidade.
O novo contrato do antigo edil de urbanismo, Campo Labrador, coincide coa prevista anulación definitiva do plan urbanístico ourensán que, segundo os técnicos municipais, será inminente e basearase en "a gravidade" do cambiazo dos planos. Os que se expuxeron ao público tiñan unha edificabilidade considerablemente inferior aos que aprobou o pleno cos únicos votos do PP e que se ocultaron aos cidadáns.
O Tribunal Supremo, ante o que recorreu o actual grupo de goberno (PSOE-BNG) as sentenzas que anulan o planeamento "para gañar tempo e redactar outro documento", emitiu xa unha providencia advertindo da dificultade de que prospere o recurso. A súa anulación definitiva deixará á cidade co plan de 1986 ata que se redacte e aprobe un novo.
Durante a súa etapa como responsable do urbanismo ourensán, Campo Labrador compaxinou o traballo institucional co exercicio da avogacía, segundo consta na revista xurídica do Colexio de Avogados de Ourense, onde figuraba como sede do seu despacho profesional o propio edificio consistorial. Campo non contaba coa plena confianza do entón alcalde, Manuel Cabezas. Segundo as delegacións de atribucións aos concelleiros con responsabilidade de goberno asinadas por Cabezas, no pleno de xullo de 1999, o edil de Urbanismo tiña limitadas as súas competencias. O alcalde só autorizaba a Campo a concesión de licenzas "correspondentes a obras menores".
Campo mantivo esta limitación desde o 23 de xullo de 1999, data da súa toma de posesión, ata a constitución da seguinte corporación, presidida igualmente por Cabezas, o 14 de xuño de 2003. O actual portavoz do PP no Concello, o ex alcalde Enrique Nóvoa, xestionou o planeamento desde ese ano. Tras perder as municipais de 2007, nas que aspiraba á alcaldía, Nóvoa foi designado por Baltar vicepresidente primeiro da Deputación, cargo ao que agora renuncia para ocupar escano no Parlamento galego. Pero o actual portavoz do PP no Concello mantén o seu posto de conselleiro na Sociedade Urbanística Provincial creada fai uns meses por Baltar.
A concelleira de Facenda e membro da xunta de goberno cando se aprobou o PXOM, María José Barbosa, foi incluída tamén por Baltar nesa sociedade urbanística. Xunto a ela, Baltar designou á alcaldesa de San Cibrao, Elisa Nogueira, cuxo marido, Alberto Luís Igrexas, formaba parte daquela xunta de goberno. A concelleira Belén Girón, que tamén era membro da comisión de goberno xunto co seu sogro, Francisco Muñoz Seguín, é outra das que atopou praza na Deputación. Baltar contratou ademais ao irmán de Javier Rodríguez Nóvoa, outro integrante do grupo de goberno daquela corporación.
Para a xerencia da sociedade urbanística da Deputación, Baltar fichou a Jesús Cudeiro Mazaira, Cando se licitou o PXOM ilegal, o 12 de febreiro de 1996, Cudeiro era xefe do servizo provincial de Urbanismo e avalou a adxudicación do planeamento á empresa GOCSA cos votos en contra do arquitecto e o enxeñeiro municipais. Un ano despois revisouse a adxudicación. Á nova oferta presentouse Oficina de Planeamento S.A. cunha opción máis económica e, en opinión dos técnicos, con maiores garantías "pola súa experiencia". Os técnicos municipais concedéronlle a maior puntuación pero os tres representantes políticos, do PP (Cudeiro e dous edís do grupo de goberno), insistiron en adxudicala a GOCSA.
El Pais

Ningún comentario: