martes, 26 de maio de 2009

O GOBERNO CENTRAL IRROMPE NO "MEGAPORTO" CANARIO

Medio Ambiente xestionará as praderías submarinas de Tenerife, ameazadas pola construción dun porto industrial

O Executivo canario non tomará máis decisións en solitario sobre as praderías submarinas do sur de Tenerife. O Goberno central asumirá a partir de agora a xestión do ecosistema mariño de Granadilla, protexido pola UE pero descatalogado polo gabinete de Paulino Rivero, que promove a construción dun porto industrial na localidade tinerfeña. "A vontade do Goberno central é a de exercer as súas competencias", explican fontes do Ministerio de Medio Ambiente.
O Tribunal Superior de Xustiza de Canarias paralizou o pasado 4 de marzo as obras do porto de Granadilla porque a súa construción suporía "un dano irreversible ao ecosistema mariño". As praderías submarinas do sur de Tenerife, coñecidas localmente como sebadales, son o hábitat de decenas de especies protexidas, como a tartaruga boba e o cabalito de mar canario.
Detrás do desprezo do Goberno autonómico -formado por Coalición Canaria e PP- aos seus sebadales atópase un armazón de intereses empresariais. O porto de Granadilla é a viga mestra do novo Plan Enerxético de Canarias, que pretende levar gas natural ás illas a través desta infraestrutura. O destino final do combustible é unha planta regasificadora pertencente a Endesa e varios empresarios locais, cuxas obras xa están adxudicadas por 490 millóns de euros. Sen un porto no que atraquen os barcos que transportan o gas líquido, o multimillonario proxecto de regasificadora é absolutamente inútil.
O Ministerio de Medio Ambiente insiste en que exercerá as súas competencias "nunha perfecta sintonía e colaboración" co Goberno canario, aínda que o coordinador da área mariña de Ecoloxistas en Acción, Jorge Sáez, ve neste cambio de rumbo "unha mostra máis da inoperancia" do Executivo autonómico para xestionar os seus ecosistemas protexidos pola UE.
O Ministerio, expedientado pola Comisión Europea por xestionar de xeito deficiente estes hábitats, comunicará a súa decisión a Rivero.

Ningún comentario: