sábado, 20 de xuño de 2009

DOCE RÍAS INCUMPREN A NORMATIVA DA UE DESDE 2005

"A situación é peor que fai catro anos", afirma o conselleiro de Medio Ambiente

Doce das 19 rías galegas non cumpren a directiva europea de tratamento de augas residuais e industriais e das 17 actuacións de urxencia activadas pola Xunta bipartita para eliminar a contaminación bacteriológica das rías, dúas non chegaron a funcionar, cinco están actualmente fora de uso e as 10 restantes presentan serias deficiencias, segundo expuxo o conselleiro de Medio Ambiente, que acusou esas actuacións de "fracaso". Para reparalo, presentou un plan de choque orzado en 25 millóns de euros como anticipo dunha actuación global, ata 2012, na que se investirán máis de 250 millóns e que será presentada antes de que o actual Goberno cumpra os seus primeiros 100 días.
As campañas de inspección realizadas nos últimos meses pola administración hidráulica da Xunta nas rías constataron, segundo o conselleiro, a existencia de 1.588 puntos de verteduras contaminantes, dos que 338 precisan actuacións prioritarias. O patrón común en todos eles apunta a deseños e dimensionamientos erróneos das redes de saneamento e depuradoras, así como á súa explotación incorrecta e a un mantemento deficiente.
Un informe sobre a situación de 20 zonas de produción de moluscos conclúe, á súa vez, que só tres melloraron a súa clasificación logo das actuacións de urxencia realizadas pola Xunta bipartita. Noutras nove non se rexistrou ningunha melloría e as oito restantes empeoraron a súa clasificación.
A mestura de pluviais e augas limpas coas residuais que actualmente circula polas redes de saneamento, multiplica os caudais que chegan ás depuradoras e representan o primeiro factor de disfunción dos seus sistemas de tratamento. A separación deses caudais mellorará o tratamentos das augas residuais nas depuradoras antes da vertedura ao mar e este, é o "camiño correcto", que evitará toda ocasión "para máis sancións da Unión Europea".
O PSdeG, a través de Carmen Gallego, desmentiu os datos do conselleiro, salvo o propio diagnóstico de que as rías incumpren as directivas comunitarias, "que era coñecido por todos". O prazo para cumprir a normativa europea acabou en 2005, "co que o PP foi incapaz de cumprila en 16 anos", dixo Galego.
As depuradoras nas que se observaron deficiencias de deseño e dimensionamiento erróneo "foron construídas polos gobernos de Fraga, dos que Hernández formaba parte", engadiu Galego, que citou as oito zonas marisqueiras nas que se mellorou a calidade das augas (en beneficio de 10 confrarías) e as 22 depuradoras que foron melloradas e ampliadas pola Xunta bipartita.
As rías de Vigo e Arousa son as que presentan, por outra banda, o maior número de verteduras industriais contaminantes, aos que habería que engadir, como no resto de Galicia, a denominada "contaminación difusa": verteduras de orixe particular por falta de conexión ás redes de saneamento e á ausencia de control sobre eles.
O caso da ría de Vigo converteuse no máis perentorio. A Xunta, só dispón de cinco millóns de euros para investir este ano e de 36,1 millóns para o período 2010-2013, o que imposibilita a súa execución, xa que terá que achegar 115 millóns para a obra. "Imos cumprir o compromiso, pero teñen que permitirnos diferir os pagos", afirmou o conselleiro.
A ese efecto, a Xunta pediu que se aplique un apartado do convenio con Acuanorte (Sociedade Estatal Augas da Cuenca do Norte), que admite a posibilidade de que esta recorra a mecanismos financeiros para a obtención de fondos que cubran as achegas das administracións públicas nos prazos fixados nos proxectos; estes anticipos son pagados logo, en prazos máis longos, polas administracións beneficiadas.

Ningún comentario: