mércores, 3 de xuño de 2009

A ECOLOXÍA SUCUMBE Á ECONOMÍA

A crise dá un respiro a Kioto a curto prazo, pero que ninguén se engane: aparca decisións crave.

Fai un ano, o presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, repetía que nuns meses convocaría unha conferencia de presidentes autonómicos para abordar o problema do cambio climático. Acórdanse desa reunión? Non, non se acordan. Nunca se celebrou.
A Xunta de Andalucía ten previsto reformar ata sete leis ambientais para "axilizar o desenvolvemento de actividades económicas". Trátase de facilitar a actividade económica nalgúns parques naturais e autorizar con maior rapidez campos de golf "de interese turístico".
Hai máis exemplos. E en todo o mundo. En decembro do ano pasado no Cume Mundial do Clima de Bali o ministro alemán de Medio Ambiente, Sigmar Gabriel, pedía ao mundo valentía para "reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro un 50%". Agora Alemaña insiste en que para as súas empresas sería moi complicado cumprir o obxectivo de reducir as emisións un 20% que pactou a Unión Europea para 2020 e que limitar por lei as emisións dos coches afundirá a industria do automóbil.
Unha decena de países da Unión considera que non é o momento de aprobar o ambicioso plan de redución de emisións e fomento de enerxías renovables a pesar de que en só un ano a ONU debe aprobar un acordo que substitúa ao Protocolo de Kioto e que, sen o empuxe da UE, o acordo está practicamente abocado ao fracaso. O secretario de Estado para a UE, Diego López Garrido, afirmou que España apoia a proposta da Comisión para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro: "Non só é compatible a loita contra a crise financeira e a do cambio climático senón que non reducir as emisións agravaría a primeira".
A tormenta económica perfecta (crise financeira, explosión da burbulla inmobiliaria, aumento do paro e inflación) fixo que o cambio climático e o medio ambiente queden, se non aparcados, si lonxe das prioridades dos gobernos. A paradoxa é que os efectos desta relaxación normativa non se verán a curto prazo -a crise pode chegar a ser boa para o medio ambiente- senón nuns anos.
Hai moitos factores polos que un ecoloxista poderíase alegrar da crise. O consumo de gasolinas en España nos primeiros oito meses do ano baixou un 6% respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo datos do Ministerio de Industria. Rede Eléctrica de España asegura que o consumo de electricidade entre xaneiro e outubro subiu só un 2% (durante anos o ritmo de crecemento foi moi superior). As emisións de CO2 do sector eléctrico en agosto foron un 21% inferiores ás do mesmo mes de 2007 (datos de WWF/Adena).
Isto, unido ao afundimento no consumo de cemento (un 18,6% menos ata agosto), a baixada na produción do ladrillo, cerámica e demais industria auxiliar da construción, gran consumidora de enerxía, fai presaxiar un bo ano de emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, o aumento do prezo da tonelada de CO2 emitida fai que non sexa tan atractivo queimar carbón. Todo sopra a favor da redución de emisións logo de anos de mala sona (España emite un 50% máis que en 1990 e é o país desenvolvido que máis se afasta de Kioto).
Por outra banda, o fin da burbulla inmobiliaria salvou valiosos enclaves do ladrillo. O Goberno de Murcia, do PP, desprotexeu por lei un parque natural na costa para construír unha cidade de vacacións só comparable a Mariña d'Or. Chamábase Mariña de Cope e, aínda que oficialmente segue adiante, ninguén cre que as construtoras e caixas de aforros que o impulsan teñan capacidade neste momento para construír as 11.000 vivendas, 22.000 prazas hostaleiras, cinco campos de golf e unha mariña interior artificial con 2.000 amarres, que están previstas no plan.

Ningún comentario: