luns, 20 de xullo de 2009

BALEIRAR UNHA CANLE FAI DESAPARECER O ECOSISTEMA

O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño avala o baleirado dun tramo dun quilómetro do río Sil por Iberdrola. A compañía eléctrica secou durante varios días o río para realizar traballos de sedimentación necesarios para construír unha nova central, ampliación subterránea da de Santo Estevo I, coa que obter maior produción enerxética. Lonxe de temer polo impacto ecolóxico, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sostén que Iberdrola secou o río por "seguridade ambiental".
O baleirado dun tramo dun río, por pequeno que sexa, supón "un impacto ambiental absoluto" que fai "desaparecer o ecosistema", segundo Fernando Cobo, doutor en Bioloxía, profesor da Universidade de Santiago e director da estación de hidrobiología Encoro do Con de Pontevedra. "É un curtocircuíto do río en toda regra, onde todo ser vivo perde continuidade, aínda que intentarán recuperalo despois", engade mostrando a súa sorpresa pola xustificación que dan as administracións ao secado do Sil.
Cobo explica que "o río, ao fluír, arrastra non só peixes, senón cantidade doutras materias" que Iberdrola non recolleu como fixo cos peixes para verter de novo á canle. "O dano xa está feito", sostén, sen atreverse a valoralo, xa que o río tardará en recuperarse en función de diversos factores. "Posiblemente" a empresa non poida executar a obra doutra forma, afirma, "aínda que nese caso quizá o mellor sería non facela".
Non ten sentido, segundo el, preservar os peixes para reincorporalos despois. "Pero que comen os peixes?", inquire. "Non son nin o 1% da cadea trófica dun río; hai polo menos 400 especies de invertebrados ou insectos que poden estar nese tramo" e que son os que sosteñen á poboación de peixes.
Respecto da posible afección da flora, advirte que os encoros carecen dela porque a destrúen: "A luz non chega ao fondo". En todo caso, baleirar un río, explica, "é coma se por unha infección nunha uña amputamos os dedos co pretexto de que despois os reimplantaremos: un absurdo". Pola súa banda, Iberdrola sostén, contra as evidencias, que non se secou nada". "Baixouse o nivel do río ao 30% e xa está todo solucionado" sen danos na flora e fauna. Unha empresa externa ocupouse dos peixes e "seguiron a canle do río algúns, e os que non, foron trasladados de novo".
O BNG espera ao luns para reclamar a actuación da Fiscalía e as agrupacións ecoloxistas protestan pola interpretación "torticera" do Ministerio respecto da ausencia de alegacións. Tanto Adega como Ríos con Vida sosteñen que as houbo e reproban o apoio das institucións a unha empresa que comezou as obras "clandestinamente", sen licenza municipal. "Volveremos pagar multa de Europa por isto: un subsidio encuberto a Iberdrola de todos os españois", sinala o portavoz de Ríos con Vida, Pedro Brufao.
Trinta mil metros cúbicos de formigón
A construción da segunda central na presa de San Estevo obriga a remover 219.951 metros cúbicos de terra, segundo recolle a declaración de impacto ambiental do Ministerio de Medio Ambiente.
Os cascallos serán retirados para unha antiga canteira de pedra, que ten capacidade para almacenar 242.000 metros cúbicos. A explotación de granito, que está pechada na actualidade, está situada a escasos catro quilómetros do encoro de San Estevo.
O proxecto consta de toma de auga, galería de presión, cámara de comportas, condución forzada, central, caverna de trasformador, galería de cables, desaugadoiro e accesos. Toda a obra require 29.572 metros cúbicos de formigón.
A maior parte dos traballos afectan, segundo a declaración de impacto ambiental, a un robledal que "non presenta ningún hábitat de interese comunitario".
Entre a fauna que habita no lugar predominan as aguias reais e murciélagos. En canto á fauna piscícola, as especies máis numerosas son as bogas, troitas, espiñentos e bordos.
O proxecto require realizar voaduras, dúas ao día, pero a empresa asegura que tomou todas as medidas ao estar as comportas da presa cerca.

Ningún comentario: