xoves, 2 de xullo de 2009

O PROMOTOR DA CENSURA EN GONDOMAR EDIFICA UN HOTEL ILEGAL

O actual rexedor atribúelle un papel relevante na trama urbanística

Martín Urgal Alonso, o candidato do PP a ocupar a alcaldía de Gondomar na moción de censura contra o actual rexedor nacionalista, Antón Araúxo, é propietario dun hotel inacabado pero con orde de demolición pola súa ilegalidade. Así o desvelóu onte o aínda alcalde, que vinculou a Urgal coa promotora Prodein Val Miñor, que realiza a citada obra. "Preséntannolo como un merlo branco, pero é un corvo depredador e moi perigoso", dixo Araúxo, quen glosou o interese común dos asinantes da moción de censura en rescatar o plan xeral de urbanismo de 2006, coñecido como o "plan da corrupción".
A moción de censura, que se debaterá o próximo 7 de xullo, non aduce no seu texto ningún motivo de xustificación "porque os argumentos de quen a presentan son inconfesables", dixo Araúxo. Martín Urgal, o candidato á alcaldía de Gondomar, foi fichado para o PP por José Luís Mosquera, concelleiro da anterior corporación actualmente procesado por suborno, tras ser sorprendido in fraganti cobrando pola recualificación duns terreos no citado plan xeral de 2006. Urgal, segundo Araúxo, é "o sucesor de Mosquera na trama urbanística" e está chamado a cumprir un papel relevante no cumprimento dos compromisos que o anterior goberno do PP adquiriu na tramitación do plan. Este plan legalizaría, á súa vez, o hotel ilegal e catro chalés construídos pola mesma promotora nunha parcela lindeira que tamén pertencía a Urgal. No solar do hotel había unha casa tradicional que Patrimonio ordenara preservar, pero foi derrubada.
"Que disciplina urbanística pode impor este home cando el mesmo constrúe ilegalmente e desoye as ordes de demolición?", preguntouse Antón Araúxo.
O plan xeral de 2006 reclasificó, a través de convenios, 600.000 metros cadrados de solo rústico e declarou urbanizables máis dun millón de metros nas ribeiras do río Miñor, que en boa parte xa foran comprados cando a corporación municipal, en marzo de 2007, por mor da detención de Mosquera e do concelleiro de urbanismo, Alejandro Gómez, acordou suspender a tramitación do planeamento, aínda sen aprobación definitiva. "Os promotores pagaron entón as maquilas e agora non se ían a quedar de brazos cruzados: iso é o que subxace nesta historia", afirmou Araúxo.
Ao seu xuízo, Carlos Silva, cabeza de lista do PP e condenado a ano e medio de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación urbanística, non asinou a moción de censura "porque quedaba antiestético, aínda que a súa abstención confirma que se recoñece corrupto".
Manuel Núñez Sestelo, fundador do grupo independente Move Gondomar tras ser expulsado do PSOE, foi outro dos impulsores principais da moción. "Mosquera declarou, e así consta no sumario", explicou Araúxo, "que o diñeiro que recibía non era para el, senón para pagar a campaña de Move Gondomar. Manuel Núñez anunciou entón unha querela contra Mosquera, pero nunca a presentou".
A Alfonso de Lis, o ata agora portavoz socialista e virtual concelleiro de urbanismo do novo goberno, nas negociacións para o pacto de goberno aseguran que lle ofreceron "de todo e nada lle valía, dicía que lle daba medo o BNG", proseguiu Araúxo. "Tiña medo porque sabía que co BNG non habería lugar ao trapicheo urbanístico e el é debedor do seu mentor e mecenas, o seu tío José Fajo, que é o promotor de cabeceira do PP en Gondomar".
O rexedor fixo un bosquejo das súas actuacións para desmentir o "desgoberno" que aducen os promotores da moción de censura e aludiu aos trámites iniciados no actual mandato para elaborar un novo plan de urbanismo con novo equipo redactor e financiamento total da Xunta (300.000 euros), que os asinantes da moción boicotearon sistematicamente, "aínda que aí está, en marcha".
Araúxo estivo acompañado na súa comparecencia polo portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e outros cargos nacionalistas para sinalar o "apoio total" da organización ao alcalde. Vázquez subliñou que a alianza PP-PSOE preséntase sen programa alternativo de goberno e atribuíu a operación a Rafael Louzán, presidente provincial do PP, "que pon á raposa a coidar as galiñas" e que, logo de Mos, tamén o está intentando en Porriño e Tomiño. "Ten un maletín que, ao seu lado, o de Cristián Ronaldo dá risa", dixo Araúxo. Ambos os dirixentes emprazaron ao presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, "a actuar con firmeza fronte á corrupción, como comprometeu: aquí ten unha oportunidade, xa que a de Mos pilloulle en Arxentina", ironizaron.
EL PAIS

1 comentario:

Anónimo dixo...

Solo hay que ver cómo trata el PP de Madrid a los que denuncian posibles corruptelas: primero se les espían a ver si se encuentra algún trapo sucio, y luego se les echa del partido, no vaya a ser que les jodan el chollo.