sábado, 1 de agosto de 2009

GALICIA ENCABEZA A LISTA DE COSTAS MÁIS DEGRADADAS

Un informe denuncia a "mediterranización" do litoral do norte de España

As costas de Galicia son as que presentan maior degradación, segundo o informe Bandeiras Negras 2009 sobre o estado ambiental do litoral español, presentado por Ecoloxistas en Acción. O documento recolle 311 bandeiras negras -zonas degradadas-, 7 máis que o ano pasado, e 392 puntos negros -impactos puntuais-, fronte aos 310 de 2008.
Segundo esta ONG, Galicia alberga 55 bandeiras negras e 102 puntos negros. O responsable da área Mariña de Ecoloxistas en Acción, Jorge Sáez, considera preocupante o proceso de "mediterranización" que sofren as costas do norte de España. "A previsión de Galicia é bastante mala, sobre todo en Pontevedra, onde se prevén 120 novos portos para 2015", afirma.
Andalucía ocupa o segundo posto na clasificación, con 51 bandeiras negras e 63 puntos negros ao longo do seu litoral. Segundo o informe, a principal ameaza destas costas reside na contaminación das augas debido ás verteduras industriais. Andalucía ostenta a bandeira negra "cum laude", outorgada pola ONG, na parte de costa que abarca desde o límite da provincia de Almería ata A Rábita, en Granada. Os ecoloxistas acusan a esta zona de "estercolero de residuos", e cualifican o labor da administración de "impresentable", xa que non obriga á recollida destas verteduras e permite a ocupación do dominio público marítimo-terrestre polos invernadoiros. Granada tamén alberga a bandeira negra da Praia das Azucenas, onde Sanidade prohibe o baño por verteduras fecais.
En terceiro lugar sitúase a Comunidade Valenciana, con 34 bandeiras negras e 40 puntos negros. Segundo o informe, máis dun terzo das súas praias presentan problemas de erosión e modificación do terreo, o que a ONG achaca á "nefasta" xestión do Goberno, que urbaniza as costas de forma "agresiva e masificada". Un exemplo son as praias de Alacante, cuxo Plan Xeral de Ordenación Urbana permite, segundo os ecoloxistas, actividades que afectan á calidade ambiental e paisaxística da costa.
O informe destaca a grave situación das costas catalás, ás que considera como "o litoral máis desconfigurado e desnaturalizado". Con 23 bandeiras negras e 20 puntos negros, Catalunya ocupa a oitava posición. A ONG resalta que a falta de achegue de sedimentos ao Delta do Ebro pode provocar que cara a 2045 a metade da súa extensión quede mergullada, se o nivel do mar segue ascendendo ao ritmo actual.
A clasificación complétase con Murcia en cuarto lugar, seguida de Canarias, Cantabria e Baleares. Detrás de Catalunya sitúanse Asturias, o País Vasco, Ceuta e, en última posición, Melilla.
"Se non cambiamos o modelo de crecemento e uso da costa española, dentro de 10 anos sufriremos unha crise socioeconómica e ambiental", conclúe Sáez.

1 comentario:

Anónimo dixo...

La contaminación de las rías y ríos gallegos lleva decenios siendo un mal endémico contra el que, no obstante, cada vez se pelea con mayor fuerza. Sin ir más lejos, ina conservera de Rianxo paga una sanción cada mes por no depurar sus residuos y verterlos directamente al mar. Pero no solo es el sector privado el que está asumiendo responsabilidades por estos hechos. La Confederación Hidrográfica del Miño le impuso una multa de 1.800 euros el pasado año al Concello de Ourense por un vertido de aguas residuales al río Miño.