luns, 21 de setembro de 2009

ACHADAS DEZ ESPECIES INÉDITAS NO MAR CANARIO

Os exemplares non se detectaron no arquipélago ata agora

Esponxas cristal e pedra, corais bóla brancos e negros, e peixes armados. Estas son algunhas da decena de especies que a expedición do grupo ecoloxista Oceana descubriu no arquipélago canario. Aínda que xa se tiña coñecemento destas especies, non se detectaron nas illas ata agora. Cabrachos e rapes de profundidade, galos prateados e rosas, corais abanico, gorgonias batiales, anemones atrapamoscas e esponxas chupa-chups completan a lista de achados.
Oceana emprendeu esta expedición en colaboración coa Fundación Biodiversidade para identificar zonas mariñas susceptibles de converterse en áreas protexidas. O descubrimento realizouse grazas a un robot submarino capaz de mergullarse ata os 500 metros. Á súa vez, un equipo de mergulladores estuda as áreas costeiras de pouca profundidade. Nestas zonas, a organización cualificou de "sorprendente" a diminución do número de peixes e a expansión do ourizo diadema, considerado como unha das principais ameazas do arquipélago.
"O descoñecemento das comunidades existentes a grandes profundidades é un dos maiores problemas á hora de decidir as zonas que deben ser protexidas", afirma o director de Investigación e Proxectos de Oceana Europa, Ricardo Aguilar. A organización recordou que actualmente só o 0,15% da superficie mariña das illas Canarias está protexido. "É imprescindible que os diferentes hábitats e especies estean representados en áreas mariñas protexidas, para servir de refuxio e sementeiro ao resto", conclúe Aguilar.

Ningún comentario: