domingo, 20 de setembro de 2009

AS EMPRESAS QUE EXPLOTAN ENCOROS PODEN SECAR OS RIOS LEGALMENTE

As concesións obtidas durante o franquismo réxense por leis do século XIX

Os 30 grandes encoros de Galicia que xestionan un recurso natural en dominio público poden secar os ríos impunemente. O feito de ser concesións do franquismo, anteriores á reforma da Lei da auga de 1985, aválaos aos ollos do Ministerio de Medio Ambiente. Aínda que este departamento asegura que adoita pedir ás concesionarias que manteñan o caudal ecolóxico previsto na normativa actual, as empresas "teñen dereito a negarse".
Dous días despois de que Iberdrola comezase a dragar o Sil, o pasado xullo, para construír a central complementaria á de Santo Estevo I no Canón do Sil -zona incluída en Rede Natura-, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pediu á empresa que mantivese o caudal mínimo que contempla a lei. A eléctrica "solicitou a concesión do caudal ecolóxico, aínda que podería non habelo feito", sostén o presidente da conca, Francisco Fernández Liñares. Iberdrola quedou así comprometida a manter unha corrente continua de 3.360 litros de auga por segundo. Aínda que a empresa "non estaba obrigada a facelo, accedeu ao cumprimento" da normativa actual, sinala o presidente da Confederación.
Liñares matiza que os dous días anteriores á solicitude desta concesión do caudal ecolóxico a empresa mantivo no Sil 1.000 litros de auga por segundo. Aplicou a regra xeral: manter o "10% da media do caudal mínimo do verán". Practicamente nada.
"Vainos a custar continuas sancións de Europa", sostén respecto da explotación dos ríos galegos o presidente da asociación ecoloxista Ríos con Vida, Pedro Brufao. Na súa opinión, o ministerio está deixando que se espreman os ríos con criterios legais do último terzo do século XIX", xa que a Lei de Augas anterior á actual data de 1879. Brufao defende a tese de que non se pode "fosilizar o dereito" aplicando leis caducas. Segundo Brufao, os organismos de conca poden ordenar ás empresas que adapten a concesión aos requisitos ambientais que marca a Administración. E sostén que no caso da actuación de Iberdrola no Sil, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil debería reclamar a caducidade da concesión "por incumprirse as cláusulas" e demoler a construción "de acordo coa Lei de Patrimonio das Administracións Públicas".
A entrada en vigor en España da Directiva Marco da auga (DMA) en 2000 marca aos organismos de conca o obxectivo do "bo estado ecolóxico dos ríos" e a normativa superior, a europea, establece ríxidos prazos de aplicación.
Con todo, os 24 maiores encoros hidroeléctricos de Galicia que se reparten Unión Fenosa, Iberdrola e Endesa non só están autorizados para secar ríos de dominio público para executar obras que redunden nun maior aproveitamento e o consecuente beneficio económico, senón que poderán facelo ata o ano 2061, data na que caducarán as súas concesións. Iberdrola sostén que non secou o Sil este verán, pero recoñece que non estaba obrigada por lei a manter o caudal ecolóxico ata que o solicitou.
Medio Ambiente respondeu en 2007 a unha pregunta do senador do BNG Francisco Jorquera que contemplaba o rescate dos dereitos das concesións "sempre que o estudo de rendibilidade ambiental, económica e social así o aconselle". Comprometíase tamén a adoptar "todas as medidas para a libre competencia e transparencia nas adxudicacións" das concesións. O actual senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, sinala que non ten constancia de que se estea aplicando a DMA nos encoros galegos.

Ningún comentario: