martes, 15 de setembro de 2009

VIGO OPONSE A REBAIXAR O SOLO PARA VIVENDA PROTEXIDA

O goberno local de Vigo expresa un desacordo frontal coa proposta de rebaixar a reserva de solo para vivenda protexida (VPO), que o bipartito fixou nun 40% do solo urbanizable e que no planeamento vigues, aprobado con antelación, chega ao 43%. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) expón a opción de alixeirar a reserva de solo para VPO por "problemas prácticos" na aplicación da norma que aflorarían nas grandes cidades, segundo sinalou a este xornal o presidente da federación municipalista, Carlos Fernández, tras iniciar a semana pasada unha rolda de contactos cos principais concellos.
"Non entendemos cales poidan ser eses problemas e, desde logo, ninguén contactou con Vigo para coñecer o noso criterio sobre o asunto", afirmou José Mariño, concelleiro de urbanismo no Concello vigués, quen recordou que noutras comunidades, como País Vasco, Navarra ou Cataluña, as porcentaxes de solo que se reservan para VPO superan o 60% e ata o 70%. "Por que non vai ser factible aquí?", preguntouse. "Que nós saibamos, ningunha das grandes cidades pronunciouse a favor de rebaixar o 40% actualmente obrigatorio, e non vemos ningún motivo para iso".
A Comisión Executiva da Fegamp, pola súa banda, aprobou onte o informe favorable ao anteproxecto de reforma da Lei do Solo (Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia na súa denominación estrita) pola "firme convicción da necesidade de dar unha resposta verdadeira e inmediata ás inquietudes municipais xeradas pola situación do urbanismo en Galicia", segundo sinala o propio anteproxecto, tras a entrada en vigo da citada lei (2002) e a súa posterior modificación.
A Fegamp xa transmitiu en 2007 a súa preocupación á Xunta pola Lei do Solo. A súa implicación na redacción final do proxecto fraguouse nunha reunión de traballo do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co da federación, Carlos Fernández, que tivo continuidade noutras conversacións do presidente da Fegamp co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Angustín Hernández, e en varias reunións dos técnicos dunha e outra parte.
Modificacións
As modificacións da lei permitirán avanzar nunha tramitación máis racional dos planeamentos, segundo a Fegamp, cuxo proceso de redacción verase alixeirado. Tamén se axilizará a concesión de licenzas urbanísticas en solo rústico ao eliminar a necesidade de autorización autonómica previa para a edificación.
Na nova norma as tipoloxías dos núcleos rurais redúcense a tres: núcleo rural histórico tradicional, núcleo rural común e núcleo rural complexo, referido este último a asentamentos de poboación onde concorran características dos dous modelos anteriores. Tamén se retoma a figura do plan especial de ordenación do núcleo rural, cuxa aprobación será competencia municipal.

Ningún comentario: