martes, 6 de outubro de 2009

ESTAMOS NISO

Por que a Xunta de Galicia quere agora un pacto urbanístico cos municipios?; desexa realmente fortalecer a autonomía política municipal?, pretende axilizar así a insoportable e custosa tramitación do planeamento?, que ofrece a Lei 9/2002 e as súas reformas para xustificar as modificacións actuais e non outras de maior relevancia?, é o núcleo rural o problema central da gobernación do territorio? Responder a estas preguntas teñen sentido, porque logo de trinta anos de reflexión e traballo para construír un país moderno, democrático e sostible, o fracaso no que incumbe ao urbanismo, a ordenación do territorio e o seu gobernación resulta, salvo honrosas excepcións, demoledor. Excesivas torpezas, incumprimentos e incomprensión dos problemas axudan a entender mellor o sentido profundo desta afirmación.
No que incumbe á comunidade autónoma, cabe sinalar a súa incapacidade para establecer directrices de ordenación do territorio que axuden e faciliten o planeamento, a súa elevada responsabilidade en canto a tutela e disciplina urbanística, o fracaso dun pintoresco canon urbanístico ou a necesidade de traballar por un gran acordo para elaborar e aprobar unha nova Lei de Ordenación Urbanística, que ademais concilie coa vixente Lei do Solo.
No que respecta aos municipios, os problemas son máis coñecidos, aínda que seguramente mal entendidos. Así, os municipios sen planeamento ou que non se adaptan á Lei 9/2002, roldan o 85% do total. Os municipios que carecen de patrimonio municipal do solo, de obrigado cumprimento, son a gran maioría. A licenza directa é práctica común e os custos do proceso urbanizador os paga case sempre o contribuínte. A gran maioría da poboación descoñece a xestión urbanística, as cesións obrigatorias e gratuítas de terreos ou a distribución das cargas e beneficios asociados ao proceso urbanizador. Repor a legalidade e sancionar a infracción teñen aquí, lamentablemente, categoría de anécdota, dada a debilidade institucional dos municipios para afrontar con solvencia esas competencias básicas. Ademais, os municipios esquivan o urbanismo por razóns múltiples: proximidade veciñal, elusión de conflitos e reprodución política. Prometer racionalidade e disciplina ten case sempre funestas consecuencias electorais.
Por iso a responsabilidade política da comunidade autónoma é grande. A súa axuda ao municipio é esencial. Os municipios deben protagonizar gran parte do urbanismo, pero están obrigados a entender a súa dimensión social, a ofrecer servizos solventes e a practicar a pedagoxía política. En todo caso, o núcleo rural non é a prioridade. Os problemas están noutro lado.

1 comentario:

Anónimo dixo...

¿Alguien espera algo bueno de la clase política? La democracia no existe. La política de partidos crea políticos corruptos que se borran del mapa mediático cuando alguna (escasísimas) trama se desvela. Los culpables no pagan sus delitos y la gente sin dinero malvive con trabajos basura o ni siquiera eso. La democracia no existe, vivimos una gran mentira.