luns, 5 de outubro de 2009

O BNG BENEFICIOSE DA XUNTA

O BNG contratou a súa campaña cunha empresaria que beneficiou na Xunta

Promoacción facturou ao Bloque 1,1 millóns polo 1-M, o 74% dos seus gastos electorais

A contabilidade da campaña electoral das pasadas autonómicas, presentada no Parlamento polo Consello de Contas, reforza os lazos que unen ao BNG co grupo de empresas ás que beneficiou desde o bipartito. Carrumeiro Media recibiu da Xunta 78 contratos valorados en 1,1 millóns de euros, outorgados por consellerías controladas polos nacionalistas. A súa presidenta é Helena Rial, administradora doutra empresa, Promoacción, á que o Bloque confiou o 74% do seu orzamento para as eleccións do pasado 1 de marzo, segundo consta na documentación de Contas.
Tres dos socios orixinais de Helena Rial deixaron os seus postos en Carrumeiro xusto dous meses antes de que comezase a fervenza de contratos co bipartito; dous deles para irse ás consellerías que beneficiaron á empresa e o outro, para dedicarse á Secretaría de Organización do Bloque. Rial seguiu en Carrumeiro e noutras dúas empresas das que paralelamente era administradora, Dúas Pingas e Promoacción. Na relación de provedores que achega o informe do Consello de Contas obsérvase que o BNG contratou con esta última o 73,94% do seu orzamento para a última campaña electoral: 1.081.286 euros do total de 1.462.282 gastados. Fontes do BNG restaron importancia á vinculación de Carrumeiro e Promoacción, e subliñaron que a relación do Bloque con esta última "remóntase a fai case 20 anos".
A lista de provedores do BNG -aqueles que presentan facturas superiores a 6.000 euros- é de só 10, fronte aos 37 que traballaron co PP e os 32 que o fixeron co PSOE. O seguinte provedor do Bloque, cun 20% do total, é Nalgures Produccións, propiedade do irmán do ex conselleiro nacionalista Fernando Blanco. Nalgures obtivo contratos por valor de 186.910 euros da Consellería de Cultura, que entón dirixía Ánxela Bugallo, do BNG.
O conselleiro maior de Contas, Antonio López, entregou toda a documentación ao presidente en funcións do Parlamento, José Manuel Baltar. En total, as tres formacións políticas gastaron na campaña 5,45 millóns de euros, dos que 4,1 millóns corresponden a subvencións da Xunta. O PSdeG foi o que máis gastou, con dous millóns de euros, seguido do PP, con 1,87 millóns, e do BNG, con 1,46.
No capítulo de conclusións, o informe revela "o pago de gastos electorais desde caixas en metálico", aínda que non especifica partidos nin contías. En todo caso, advirte de que a normativa electoral establece que todos os recursos electorais "deben ser ingresados nas contas bancarias específicas, e todos os gastos ser pagados con cargo ás mesmas". Tamén denuncia a existencia de dúas contas do BNG en Caixa Galicia que non constan na súa preceptiva comunicación á Xunta Electoral.
As anomalías detectadas inclúen a xustificación de gastos por envío directo de propaganda electoral por un importe superior ao gasto máximo subvencionable por ese concepto. Neste caso están o PP e o BNG, aínda que o Consello de Contas imputa as cantidades excedidas aos gastos ordinarios, para verificar que non se excede o límite deste tipo de desembolso. Os gastos por envío de propaganda constituíron o 29,62% do total dos tres partidos. Contas recomenda unha regulamentación máis clara dos gastos en publicidade exterior, prensa e radio.
O conselleiro maior restou importancia ás anomalías atopadas, polo que considerou que non hai impedimento para que a Xunta libere os 4,1 millóns de euros que debe aos partidos como subvencións. Un 20,80% do gastado en campaña polas tres formacións corresponde a anticipos destas cantidades.

Ningún comentario: