domingo, 15 de novembro de 2009

O SUPREMO ANULA UN MACRORRELLENO EN MARÍN

O fallo anula o Plan Especial do Porto por carecer de estudo ambiental

O recheo de Praceres, en Marín, un dos máis grandes de Galicia, é ilegal. Tras moitos anos de litixios, os veciños da zona lograron que o Tribunal Supremo revoque unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e anule a actuación, que ocupa unha superficie superior aos 300.000 metros cadrados nunha zona de notable valor marisqueiro da ría de Pontevedra. O fallo, do pasado 30 de outubro, non só declara ilegal o recheo, senón que anula o Plan Especial do Porto de Marín-Pontevedra que o sustenta, e obriga a Xunta, Deputación e Autoridade Portuaria a restituír a zona ao seu estado anterior.
A razón principal da sentenza é a ausencia dun estudo de impacto ambiental que sustente o proxecto. A Autoridade Portuaria, que non quixo comentar a sentenza á espera de que a analice o seu equipo xurídico, presentou para avalar as obras un informe de 1994, encargado para avaliar un recheo anterior de 95.000 metros cadrados, superado amplamente polo que despois se executou.
Outra das obxeccións veciñais aceptada polo Supremo é a falta de xustificación da ampliación mediante recheos na ría. O recurso ao fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que en 2005 dera a razón á Autoridade Portuaria, tamén argumenta que o Plan Especial que aprobou a Consellería de Política Territorial en outubro de 2000 e agora anulado se arroga competencias propias do Plan Xeral, argumento que apoia o Supremo.
Pese ao valor ecolóxico da zona afectada, non foron os recursos das confrarías nin dos colectivos de defensa da ría os que conseguiron a contundente vitoria xudicial, senón o dunha asociación creada para rexeitar o paso do tren por unha praza pública da mesma parroquia marinense de Praceres. A infraestrutura ferroviaria está prevista no Plan Especial para dar servizo aos novos peiraos, polo que a asociación levou as obras aos tribunais. O TSXG fallou na súa contra. Catro anos máis tarde, o Supremo deulles a razón cunha sentenza contra a que xa non cabe recurso. O alto tribunal tamén fallou a favor da mesma asociación anos atrás ao ilegalizar o paso do tren por Praceres, aínda que a sentenza aínda non foi executada.
No caso do recheo, o Tribunal Supremo sostén que as administracións demandadas "non aclararon nada" sobre a disposición "que lexitime tan extraordinaria obra de recheo do mar", o que considera "incomprensible". Os maxistrados da sección quinta da sala do contencioso-administrativo, que dita o fallo, confesan a súa "perplexidade" cos argumentos sostidos pola Autoridade Portuaria. "Queda claro que o Plan Especial en cuestión debeu someterse a avaliación de impacto ambiental antes da súa aprobación definitiva", engaden na sentenza, "maiormente considerando a incidencia da obra nun espazo de alto valor ambiental e ecólóxico como é a ría de Pontevedra".
As dimensións do recheo non quedan claras nos documentos achegados pola Autoridade Portuaria, que nalgunhas ocasións falan de "máis de 300.000 metros cadrados" e, noutros, de 441.349. O estudo económico financeiro presenta un orzamento total de 24,13 millóns de euros. A pesar da difícil reversibilidade da obra, o Tribunal Supremo obriga a Xunta, Deputación e Porto a "a reposición da zona portuaria á anterior situación e estado", cunha repartición do 30%, 20% e 50%, respectivamente. A asociación demandante expresou a súa satisfacción polo fallo e instou ás administracións afectadas a negociar unha solución.
SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO...

Ningún comentario: