sábado, 21 de novembro de 2009

REPETIR A TRAMITACIÓN AMBIENTAL DAS (DOT)

A Xunta debe repetir a tramitación ambiental das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) porque o bipartito non cumpriu os prazos nin a lexislación ambiental

>Dende os servizos xurídicos da Consellería recomendan reconducir o expediente, conservando os actos que non estean afectados polos defectos de forma e fondo

>O novo documento de inicio foi remitido hoxe ao órgano ambiental da Xunta, para –posteriormente- comezar un período de consultas dun mes, no canto de 15 días como se estipulaba no anterior proxecto

>Con estes erros quedaban prexudicadas as posibilidades de audiencia previa e defensa dos interesados, xa que se integraban os dous procedementos, o de avaliación e o de tramitación

>Esta normativa ten como obxecto establecer os obxectivos fundamentais e crear os instrumentos necesarios para a coordinación da política territorial e a ordenación do espazo galego

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anunciou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a súa decisión de retrotraer o documento de inicio das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), xa que o Goberno anterior non cumpriu os prazos estipulados nin a lexislación ambiental. Dende os servizos xurídicos do departamento de Medio Ambiente do Goberno galego recomendan reconducir o expediente, conservando os actos que non estean afectados polos defectos de forma e fondo.
Esta mesma mañá, o novo documento de inicio remitiuse ao órgano medioambiental competente co fin de que dea comezo ao período de consultas ambientais que é dun mes. No seguinte paso deste proceso, procederase á elaboración do novo documento de referencia e do posterior Informe de Sostenibilidade Ambiental (ISA).
Unha vez solicitado o informe da Consellería de Facenda procederase a súa aprobación inicial e, xunto co ISA, á exposición pública e audiencia ás administracións e entidades, período que terá unha duración de dous meses.
Tras a análise das alegacións e informes presentados, darase un prazo de tres meses para a elaboración do documento para a súa aprobación e remitirase ao órgano ambiental para a redacción da memoria ambiental oportuna.
Unha vez obtido o novo informe da Consellería de Facenda e realizadas as correspondentes modificacións, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobará, de forma provisional, as Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, posteriormente elevaraas ao Consello da Xunta e daralles traslado ao Parlamento de Galicia, co fin de levar a cabo a súa tramitación e posterior aprobación definitiva en forma de Decreto tamén pasando polo Consello da Xunta.
A Lei de Ordenación do Territorio de Galicia, na que están enmarcadas estas directrices, ten por finalidade establecer os obxectivos fundamentais e crear os instrumentos necesarios para a coordinación da política territorial e a ordenación do espazo galego, co obxecto de favorecer a utilización racional do territorio de Galicia e protexer o medio natural, mellorar a calidade de vida e contribuír ao equilibrio territorial.
Un dos instrumentos que establece para elo esta normativa son as Directrices de Ordenación do Territorio, instrumento de carácter global que debe constituír o marco xeral de referencia establecendo as pautas espaciais de asentamento das actividades, de acordo coas políticas sociais, económicas e culturais de Galicia, integrando as demandas do Estado, así como as propostas que xurdan desde as entidades locais.
Defectos no procedemento
A modificación plantexada xurde como consecuencia das actuacións do bipartito, xa que nos catro anos de Goberno non cumpriu os prazos nin a lexislación ambiental, polo que se produciu unha incorrecta actuación administrativa no que se refire á tramitación ambiental das DOTs, polo que se tiveron que arranxar os erros, co fin de paliar os prexuízos que se puideran ocasionar aos interesados.

Ningún comentario: