luns, 14 de decembro de 2009

CANARIAS REBAIXARÁ A PROTECCIÓN AO 50% DAS SÚAS ESPECIES AMEAZADAS

A comunidade científica e os ecoloxistas denuncian intereses urbanísticos

Unha proposición de Lei apoiada polos partidos que conforman o Goberno de Canarias (Coalición Canaria e Partido Popular) que pretende descatalogar ou desproteger o 50% das especies e subespecies de fauna e flora de Canarias desatou a polémica nas illas. Os ecoloxistas e a comunidade científica ven tras o novo Catálogo de Especies Protexidas intereses urbanísticos e de infraestruturas.
O rexistro elimina 226 especies protexidas, rebaixa a cobertura a outras 131 e ampara a 94 dunha forma que os expertos cualifican de "irracional e perversa", posto que só velará pola planta ou o animal que estea dentro dun espazo protexido, pero se pisa, crece, nada ou voa fóra destes lugares, estará desamparado. Os atentados contra as especies descatalogadas non serían considerados delitos ecolóxicos, senón infraccións administrativas.
"Trátase dun delito, un atentado á biodiversidade e os recursos naturais", afirma Alberto Brito, Catedrático de Bioloxía Mariña da Universidade da Lagoa (ULL). Brito considera que esta proposta de lei non soporta unha análise rigorosa desde o punto de vista científico nin xurídico. A bióloga Cristina González, responsable de SEO/BirdLife en Canarias, chama a atención sobre ese extremo. "Non só non ten apoio científico, senón que vulnera a lei estatal de patrimonio". A norma establece que as especies incluídas nos catálogos rexionais deben ter polo menos a mesma protección que teñen asignada no catálogo estatal, nunca inferior.
Símbolo de Fuerteventura
A proposta de lei rebaixa a protección de máis de cen especies (taxones). Por exemplo,a avutarda hubara, símbolo da natureza de Fuerteventura, que no catálogo nacional figura como "en perigo de extinción", no novo catálogo de Canarias aparece simplemente como "vulnerable", igual ocorre coa tarabilla canaria e outras moitas especies.

Ningún comentario: