sábado, 5 de decembro de 2009

DEPURADORA DE VIGO CON FINANCIAMENTO PRIVADO

A depuradora de Vigo sairalle ás arcas galegas 19,5 millóns máis cara. Esta é a cantidade que a Xunta terá que abonar en concepto de intereses á empresa que finalmente constrúa a obra. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decidiu recorrer ao financiamento privado para acometer a infraestrutura. Coas arcas públicas debilitadas pola crise, o departamento que dirixe Agustín Hernández sostén que é a única vía posible para sanear a ría viguesa.
O Consello da Xunta autorizaba onte un gasto de máis de 126 millóns de euros para a depuradora. Deles, 107, 2 corresponden á achega de Augas de Galicia ás obras e 19,5 a intereses. Pero o diñeiro non se desembolsará totalmente ata o ano 2024. A Xunta pretende que a empresa á que se adxudique a obra adiante boa parte do investimento. A partir do ano 2014, a Administración galega iralla devolvendo, e terá que pagarlle, ademais, os intereses.
Tras a reunión semanal do Goberno galego, o presidente Alberto Núñez Feijóo subliñou que o acordo alcanzado ten o dobre obxectivo de cumprir cos vigueses e coa Unión Europea. Os altos niveis de contaminación que soporta a ría provocaron que en 2005, a UE sancionase a Galicia con 20 millóns de euros. O Bipartito logrou convencer ás autoridades europeas de que paralizasen a multa. Para iso comprometeuse a pór a infraestrutura en marcha en 2011. A Xunta asume xa esta data como imposible, pero confía en que as obras estean para entón en marcha e que a UE non sancione a Galicia.
A depuradora de Vigo custará uns 238 millóns de euros que pagarán, ademais da Xunta, o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello de Vigo. Tras varios meses de discrepancias o pasado 23 de outubro, o Goberno central deu o visto e prace á proposta de financiamento privado remitida desde a Consellería. Coa decisión desbloqueábase a atrasada infraestrutura. Pese ao paso dado onte polo Goberno galego, para que empecen as obras aínda haberá que esperar. O primeiro será a firma do convenio entre as tres administracións para aprobar definitivamente o financiamento. Despois o Concello de Vigo debe pór a disposición os terreos e haberá que realizar tamén expropiacións.
Aínda así, Alberto Núñez Feijóo confiou que a depuradora poderá entrar en servizo "nos tempos previstos" e destacou a "urxencia, intensidade e dilixencia" coa que se dá resposta ao problema de contaminación da ría de Vigo

Ningún comentario: