sábado, 12 de decembro de 2009

A XUNTA GASTA 7 MILLÓNS POLAS FUGAS DUNHA TUBAXE BAIXO UNHA MARIÑA ILEGAL

2.400 alegacións advertiron de posibles avarías no porto vigués da Lagoa

En 20 anos, a tubaxe que cruza a ría de Vigo para fornecer de auga a Cangas e Moaña non sufriu avaría algunha. As cousas cambiaron nos últimos tempos. Sobre todo desde o pasado verán, cando comezou unha serie de avarías que chegaron a deixar sen abastecemento aos usuarios da península do Morrazo. As catro sitúanse en augas dun porto deportivo, o da Lagoa, en Vigo, que carece de licenza de actividade e sobre o que pesan varias ordes de derriba. Os seus espigóns construíronse en 2004 xusto encima do emisario submarino. A Xunta aprobou o 12 de novembro o gasto de 7,3 millóns en construír unha nova tubaxe que garanta o abastecemento.
A concesionaria do servizo de augas de Vigo e o Morrazo, Aqualia, reduce o número de avarías a tres, que se produciron os días 12 e 13 de agosto e o 28 de setembro, aínda que a prensa local deu conta dunha cuarta o 12 dese mesmo mes. Todas elas producíronse nun tramo de cinco metros da tubaxe submarina, "a uns 80 metros da costa". É dicir, en plena lámina de auga da Lagoa. A pesar de que os traballos de adaptación dos pantaláns da mariña foron constantes este verán, Aqualia descoñece as causas das roturas, "dado que non se detectaron elementos externos que poidan ocasionar un desgaste".
Un portavoz do porto da Lagoa, sociedade que pertence ao presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, asegurou ter constancia dunha única avaría "fóra da zona concesional da mariña", a moi escasos metros da costa. Un informe da Policía Local de Vigo, en cambio, sitúa a primeira das avarías precisamente "dentro das noias de sinalización do porto deportivo".
A alerta de que a mariña podería afectar á subministración de auga do Morrazo estaba dada desde principios de 2002, cando os veciños de Teis reuniron 2.394 alegacións contra o proxecto. No seu sétimo punto, as alegacións advertían de "a existencia do trazado da tubaxe da traída de augas á península do Morrazo" na zona afectada polo proxecto. "Ese extremo parécenos moi grave, polas posibles consecuencias que as avarías en devandita tubaxe puidesen provocar", sinalaba a impugnación veciñal.
A Xunta non cre que os pantaláns do porto deportivo e as obras que neles levan a cabo sexan a causa das fugas. "Máis ben parece que o envellecemento do emisario e a presión da auga que traslada son os motivos de que se estragase", sostén un portavoz da Consellería de Medio Ambiente, da que depende Augas de Galicia. Este organismo aínda está analizando os motivos dos reiterados danos. As inspeccións continuarán cando se reforce o vello conduto, operación que se realizará á vez que se tende o novo. "Se se observase que existe relación entre o porto e as avarías, obraríase en consecuencia", engaden as mesmas fontes.

Unha sentenza ordena a derriba dunha nave...

Ningún comentario: