sábado, 2 de xaneiro de 2010

SE BANQUEIROS E POLÍTICOS FOXEN ANXOS

A crise financeira de Estados Unidos e a corrupción local en España teñen en común un prexuízo aos intereses dos accionistas e dos cidadáns por parte de directivos sen contrapesos nas súas organizacións

Que teñen en común os escándalos financeiros en Estados Unidos que desencadearon a crise económica mundial cos escándalos de corrupción política que fan que a maioría de sociedades da Europa do Sur e do Leste estean caendo nos índices internacionais de bo goberno por baixo de países como Chile, Botswana ou Qatar?
O factor máis repetido a ambos os dous lados do Atlántico é "a avaricia duns poucos". É un argumento moi útil para os políticos. Queda ben nos mitins disertar sobre a avaricia como resultado da idolatría ás forzas do mercado desregulado ou a cultura do pelotazo. Ademais, apelando á avaricia humana, os políticos poden impor a solución máis fácil de vender ao electorado: maior regulación pública (máis procedementos administrativos e rexistros máis detallados das actividades de todo tipo de institucións públicas e privadas) e máis organismos públicos que actúen como controis externos das institucións potencialmente perigosas. Destinemos máis recursos públicos a axencias reguladoras das institucións financeiras e a fiscalías ou axencias anticorrupción.
Con todo, hai motivos para dubidar sobre a funcionalidade desta crecente industria do control público -máis aló obviamente de axudar a gañar eleccións para os que a defenden-. Por unha banda, os estudos de corrupción política mostran que aumentar o número de procedementos administrativos (para levar a cabo calquera actividade económica privada ou pública) ou introducir axencias específicas para a loita contra a corrupción non ten efectos positivos significativos. Por exemplo, a maioría de países con baixos niveis de corrupción nin teñen axencias anticorrupción nin as tiñan cando estaban combatendo activamente a corrupción.
Por outra, se analizamos os escándalos financeiros que afectaron a tantos bancos americanos, vemos que a orixe dos mesmos non reside tanto na ausencia de axencias reguladoras -pois sempre é posible atopar fórmulas creativas para sortear case todo tipo de regulacións- como na excesiva tolerancia cara ao risco dos directivos dalgunhas institucións financeiras. Os executivos adoptaron (ou toleraron que os seus subordinados adoptasen) decisións de moito risco que non tomarían co seu propio diñeiro. Pero eran os aforros dos accionistas. Noutras palabras, unha lectura alternativa da crise financeira é a dun abuso sistemático dos intereses dos accionistas das propias institucións afectadas por parte dos executivos das mesmas, que sabían que non pagarían as consecuencias plenas dos seus actos e xogaron con lume ou, neste caso, con hipotecas lixo.
Xa que logo, o que teñen en común as institucións do sector privado americanas responsables da crise...

Víctor Lapuente é profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Gotemburgo, Suecia

Ningún comentario: