domingo, 28 de febreiro de 2010

CARTA AO PRESIDENTE CAMPS

Querido amiguito da alma. Grazas á prensa, que me deu tanto, souben das súas penurias económicas. Debe de ser difícil chegar a fin de mes máis nada que cos ingresos da farmacia da súa muller no centro de Valencia e o seu modesto soldo duns 80.000 euros ao ano. Así que non me estraña que no banco só garde 900 euros ao seu nome e outros 1.350 a medias coa súa santa noutra conta. Só deus sabe- porque a Generalitat non os detalla- os gastos aos que obriga a pesada louxa do seu cargo, onde apenas lle pagan o coche oficial, todas as comidas e varios pluses e complementos. Así non hai quen viva se non é zurcindo pantalóns e facendo croquetas con sobras do cocido. Normal que se vexa obrigado a conducir un coche de fai 15 anos con máis adhesivos da ITV no parabrisas que medallas na pechera dun xeneral retirado; agora entendo tamén o seu capricho por montarse nun Ferrari, aínda que fose só unha vez.

Quero aproveitar esta columna para desculparme. Fun inxusto con vostede. Chameille "Milano Bonito", e burleime deses traxes con pasador italiano dese honesto amigo seu, o Bigotes. Di que lle quere un ovo, e con razón. Visto o seu saldo, tería que hipotecar o seu piso para poder pagar eses 12.783 euros en sastrería. Pero lle advirto que outros medios non serán tan comprensivos coa súa sorte. Gárdese dos diarios da dereita, que colgaron dos pulgares a Manuel Chaves por recoñecer que no banco só tiña 21.638 euros; non me quero nin imaxinar que dirán agora eses estritos notarios da realidade. E un último consello: chame xa mesmo ao 902 35-telahinco-22 e pida un crédito rápido. Non vaia ser que lle entre algún recibo inesperado e acabe nunha lista de morosos.

Ningún comentario: