xoves, 4 de febreiro de 2010

A FISCALÍA INVESTIGA SE O RECHEO DO PORTO EXTERIOR DE FERROL CONTAMINA

Análises científicas conclúen que os residuos vertidos ao mar son tóxicos

A fiscalía especializada en delitos contra o medio ambiente investiga se no recheo da segunda fase do Porto Exterior de Ferrol empréganse residuos que poderían producir contaminación por hidrocarburos policíclicos, similar á que xa obrigou á anterior Consellería de Pesca a pechar ao marisqueo a Ría de Corcubión.
O ministerio público parte dunha denuncia que presentou -primeiro na Xunta e despois na propia fiscalía- a Asociación Galega de Áridos (AGA) e dun informe da Escola de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela que detectou a presenza de materiais sen tratar potencialmente contaminantes que mesturados coa auga que se filtra da choiva desprenderían hidrocarburos policíclicos.
A Asociación Galega de Áridos denunciou onte que unha construtora de Fene, Construcións e Escavacións Manmer, SL importa este produto de Holanda e comercialízao aquí como material de construción. Este material, afirma o colectivo, é "altamente contaminante" a pesar de que a empresa holandesa e a de Fene, que o distribúe como material reciclaxe, din ter en regra todos os permisos europeos para comercializar esta mestura de fragmentos de asfalto e pavimento de alcatrán.
Para probalo, AGA encargou analíticas a dous laboratorios "contrastados" ademais do estudo científico da Universidade de Santiago. Conclúen que o material é tóxico, que a concentración de hidrocarburos excede os niveis permitidos para o medio ambiente e que contén sustancias prohibidas en Holanda desde 1990. O ditame engade, ademais, que o produto non foi sometido a ningún proceso de depuración e valorización polo que desaconsella o seu uso.
A entidade galega que agrupa a 56 empresas de áridos calcula que desde finais de xullo, a construtora de Fene importou 400.000 toneladas deste produto presuntamente tóxico. A mesma construtora xa foi expedientada pola Consellería de Medio Ambiente "por realizar verteduras altamente contaminantes" a raiz da denuncia dun grupo ecoloxista. Desde AGA esixen á Xunta que paralice preventivamente as importacións e inmobilice o material mentres se investiga a que empresas foron a parar as 400.000 toneladas xa importadas.
A empresa denunciada ameaza con acudir tamén aos tribunais porque, segundo un portavoz, "o único que se pretende a asociación é acabar coa competencia". "Este composto non é contaminante, podémolo demostrar con análise, cumpre coa normativa esixida", insiste un directivo, quen reitera que as areneras galegas pretenden expulsarlles do mercado porque presentan mellores prezos.
El Pais

Ningún comentario: