domingo, 15 de agosto de 2010

CORRUPCIÓN E SOCIEDADE

Os delitos que presuntamente se cometeron en moitas Administracións, o suborno, a prevaricación e o tráfico de influencias, necesitan a colaboración de tres responsables: o político electo que o autoriza, o seu valido ou muñidor interposto (funcionario público ou designado) que solicita ou recibe as prebendas e o administrado que as paga ou propón. O desexable sería que se depurasen todas as responsabilidades e que o peso da lei caese sobre eles.
Uns e outros son xogadores de vantaxe, actuaron contra a Administración, que só é servizo público cando cumpre as leis, e contra os intereses doutros cidadáns que por non prestarse á comisión do delito viron minguados os seus dereitos e posibilidades de atención por parte da Administración afectada.
Durante o pasado debate sobre o estado da nación, de contido principalmente económico, todos calados; a corrupción, que inflúe absolutamente na economía, é un asunto espiñento para todos os grupos parlamentarios.
Faríanos un fraco favor aos españois que todo isto (Malaya, Gürtel, Pretoria, Balea Branca, Palma Area, Palau da Música, Brugal...) queda só nun asunto xudicial do que o Goberno e a oposición nada queren saber, ou peor aínda, que se transformase nun asunto que, por implicar a demasiadas persoas socialmente relevantes, fose pouco aclarado en sede xudicial.
De ser así, a sospeita de irregularidade non sería só dos implicados, senón da sociedade española no seu conxunto, por moi dura que nos pareza esta consecuencia.
L.F.C

Ningún comentario: