xoves, 26 de agosto de 2010

TERRITORIOS DESEMPREGADOS

Oparo é o principal problema do país. O desemprego. A desocupación. O querer e non poder. O poder e non ter onde. Somos po e en po nos converteremos, así que non é de estrañar que o mesmo lle pase á terra e viceversa. Non hai máis que ver o drama dos incendios. Amplos territorios de Galicia están desempregados. Predios infrautilizados, desocupados, deshabitados. En oito municipios das provincias de Lugo e Ourense non naceu un só pequeno en todo o ano 2009 e o deserto poboacional avanza dende as montañas orientais parapetado na falta de servizos e equipamentos. No Caurel, por exemplo, a asistencia sanitaria dende as dez da noite ata as oito da mañá precisa dunha hora por estrada; Internet, dunha antena parabólica, e o saneamento, de mantemento.
Territorios produtivos cunha vocación consolidada e probada ao longo de séculos están hoxe abandonados. A explotación dos recursos naturais sempre foi unha maneira de crear riqueza e traballo, cumprindo que sexa ambientalmente sostible, economicamente viable e socialmente beneficiosa. Cumpren estas premisas os soutos e os prados de sega de montaña. Os soutos son formacións arbóreas dominadas polo castiñeiro (Castanea sativa) con sotobosque rozado ou cavado que proporcionan madeira, castañas, mel, sombra e, en segunda transformación, xamón. Os prados de sega de montaña son herbazais de composición florística espontánea situados xeralmente nas zonas de fondo de val máis fértiles e con rega nos que pasta o gando vacún. Ningún deles pode persistir sen o manexo do home. Son, como di a lexislación que os protexe, hábitats seminaturais. Cabería entón a posibilidade de recuperar estes ecosistemas como medios de produción para xerar rendibilidade, aproveitando as novas tecnoloxías e obtendo bens e servizos actuais. Soutos e prados non son decorados de cartón pedra nun teatro clásico, son paisaxes funcionais que necesitan que os atendan.
Agricultura, gandería, caza e silvicultura desenvólvense sobre o 97% do territorio galego, pero apenas contribúen cun 3% ao PIB. O abandono de terras dedicadas ó sector primario irá en detrimento da biodiversidade. Busquemos pois unha rendibilidade sostible para o noso patrimonio rural e natural.

José Manuel Blanco López

Ningún comentario: