venres, 6 de agosto de 2010

TRES FALLOS FIRMES DECLARAN ILEGAIS AS INSTALACIÓNS DA LAGOA

O Tribunal Superior avala aos veciños e considera que as obras son ilegalizables

O deambular xudicial do luxoso porto deportivo da Lagoa, en Teis (Vigo), segue adiante con idénticos resultados: sentenzas contrarias á mariña promovida polo presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa. Nesta ocasión sobe o rango. Xa non son os xulgados de Vigo os que declaran a ilegalidade das obras, senón o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que ditou tres sentenzas firmes nas que desestima todos os recursos promovidos pola empresa.
As sentenzas teñen datas do 29 e 15 de abril e do 6 de maio deste ano. Nelas, distintas salas do tribunal con sede na Coruña ratifican a denegación de licenza de actividades e a solicitude de legalización da nave industrial vinculada ao porto deportivo, unha edificación de máis de 1.000 metros cadrados visible desde o outro lado da ría. Un dos fallos ratifica a multa de 33.000 euros imposta polo Concello de Vigo por unha infracción urbanística, consistente na construción da nave no camiño da Lagoa. As sentenzas aceptan de forma practicamente total os fundamentos xurídicos dos fallos emitidos en primeira instancia.
O porto deportivo da Lagoa foi impulsado por un acordo de Fernández de Sousa coa Autoridade Portuaria de Vigo, cando estaba presidida por Julio Pedrosa, do Partido Popular. Á mariña, que carecía de amparo municipal, quédalle pendente o recurso presentado contra outra sentenza do xulgado contencioso-administrativo número 1 de Vigo, na que se confirma a derriba da nave ilegal. A demolición foi decretada polo Concello vigués. Estaleiros e Construcións A Lagoa, nome da sociedade que explota a mariña, tamén tivo que precintar un restaurante construído cun permiso para unha caseta desmontable de 30 metros cadrados, que se substituíu por un edificio que quintuplicaba a superficie autorizada e que carecía da posibilidade de ser retirado.
Unha das novas sentenzas do Tribunal Superior, como resultado das denuncias presentados polos veciños de Teis, revela que a dirección do porto deportivo "nin sequera chegou a solicitar (...) a licenza de obra, o que non impediu que alzase as construcións que lle servían de soporte". Esa foi a causa de que as autoridades municipais ordenasen a demolición.
Multa confirmada
O Tribunal Superior utiliza argumentos moi similares, e sempre acordes cos das sentenzas recorridas, para rexeitar a petición de que se anule a sanción de 33.000 euros imposta polo Concello vigués. Neste caso, o porto solicitou a necesidade de audiencia á Autoridade Portuaria no expediente de reposición da legalidade urbanística tramitado pola Xerencia de Urbanismo de Vigo. "Devandita Autoridade non tivera participación algunha na realización da obra, e polo tanto non era interesada nela", conclúe a sentenza. O fallo engade que só o realizado conforme á legalidade pode ser reintegrado á Autoridade Portuaria, "non o que fose froito de actuacións ilegais".
Un paseo no camiño
As instalacións do porto deportivo da Lagoa levantáronse sen permisos para as obras en terra, que consistiron na execución das dúas naves e o restaurante declarados ilegais. Para a construción do complexo e como vía de acceso aos usuarios utilizouse durante anos un cortalumes municipal sen permiso do Concello. O paso constante de camións atrasou un ano tras outro un investimento do Ministerio de Medio Ambiente para a construción dun paseo marítimo, cuxo trazado coincidía co do camiño usado polo porto deportivo.
EL PAIS

Ningún comentario: