xoves, 5 de agosto de 2010

A XUNTA ARRASA UN BOSQUE CON ESPECIES AMEAZADAS

Medio Ambiente alega que busca unha fórmula para "minimizar" os danos

Medio Ambiente ignorou un informe oficial que alertaba dos danos

A Consellería de Medio Ambiente paralizou as obras da ampliación da PO-255 entre Pontecaldelas-A Lama para estudar así, "unha alternativa que minimice o impacto das obras". A paralización chega despois de que as escavadoras e operarios practiquen desterres na mesma zona na que se tiña constancia desde maio da existencia dunha especie protexida, a salamandra rabilarga; así como dun conxunto de árbores que, segundo cálculos dos veciños, poderían ascender aos 22.000 exemplares, 1.000 deles autóctonos.
Foron os ecoloxistas e veciños afectados quen alertaron sobre os danos que ía provocar a obra, cuxa aprobación non require un estudo de impacto ambiental por ser o seu trazado inferior aos 10 quilómetros. A consellería dirixida por Agustín Hernández negouse a aclarar a este xornal se antes de iniciar os traballos realizara algún outro tipo de avaliación ambiental que adiantase o impacto do proxecto.
Ademais da salamandra rabilarga, os veciños detectaron na zona exemplares de Dryopteris guanchica, unha variedade de helecho clasificada como vulnerable no Catálogo de Especies Ameazadas. A Asociación para a Defensa Ecoloxíca de Galiza (Adega) non descarta ademais a existencia de bufos reais, outra variedade coa mesma catalogación e cuxo hábitat considerar, polo tanto, como "área prioritaria de conservación".
Mentres tanto, e a pesar de que as obras levan detidas unha semana segundo os ecoloxistas, os veciños afectados denuncian que algúns madeireiros aproveitan o estado dos terreos expropiados desde xaneiro para continuar coa talla incontrolada de carballos e castaños. Nalgunhas propiedades ata se tiraron muros de pedra para aproveitar así o material.
As obras de ampliación da PO-255 xa saltaran aos xornais a principios de mes, cando algúns veciños denunciaron as incorreciones do proceso de expropiación. Esperanza González, unha das afectadas e propietaria dos terreos desde fai décadas, presentou fai semanas un recurso no Tribunal de Xustiza de Galicia. Á espera de que este se pronuncie, a propietaria mantense alerta do avance dunhas obras que, comenta, "destruirían un espazo único".

Ningún comentario: