venres, 20 de agosto de 2010

VENDER MÁIS COCHES, POR QUE?

O Goberno de Rodríguez Zapatero pasouse media lexislatura ponderando as virtudes dunha nova economía máis sostible que a actual e que aínda está por ver. ¿E que sector non representa mellor a vituperada vella economía que o automobilístico? É o máis contaminante, consome petróleo- combustible escaso e de importación- no canto de enerxía renovable, fomenta o individualismo fronte á solidariedade do transporte público, supón unha sangría constante -e custosa- de vidas humanas e obriga a uns investimentos viarios sempre insuficientes: o parque de automóbiles aumenta moito máis rápido que a rede de estradas.
Non entendo, pois, o empeño en desviar os nosos menguantes recursos cara a ese sector. Xa se, por suposto, o emprego que este xera e os seus efectos inducidos sobre outras actividades. Pero o mesmo ocorría no seu momento coa construción naval ou os altos fornos e as súas respectivas reconversións deron un importante empuxe á economía do país.
Por iso, primar aínda máis a venda de automóbiles mentres se reducen os investimentos no AVE e noutras infraestruturas colectivas, suporía unha cruel paradoxa: inducir ao cidadán a un maior consumo -matriculación, seguro, revisións, gasolina, peaxes, ITV, reparacións, circulación,... -mentres os seus ingresos persoais diminúen por causa da crise económica.

Ningún comentario: