venres, 24 de setembro de 2010

A DÉBEDA DAS CCAA SUPERA POR PRIMEIRA VEZ OS 100.000 MILLÓNS DE EUROS

A débeda das comunidades autónomas aumentou un 26,5% no segundo trimestre do ano en comparación con igual período de 2009, ata rexistrar 104.083 millóns de euros (o 9,8% do PIB), a cifra máis alta de toda a serie histórica, segundo datos do Banco de España.
Desta forma, o endebedamento autonómico acentuouse como consecuencia da crise económica, que está provocando un incremento dos gastos e unha caída moi importante da recadación. Os datos do Banco de España mostran ademais que desde o ano 1995, o endebedamento das rexións non parou de crecer, batendo en cada exercicio marcas históricas, a pesar do compromiso de estabilidade orzamentaria adquirido nos últimos anos.
A comunidade autónoma con maior volume de débeda no primeiro trimestre foi novamente Cataluña, con 28.769 millóns de euros, cantidade que representa o 27,6% do total da débeda acumulada no conxunto das comunidades. Logo de Cataluña, situouse a Comunidade Valenciana (16.280 millóns de euros), que volve ocupar o segundo lugar por diante de Madrid, cuxa débeda ascendeu a 12.592 millóns de euros.
Entre as tres, acumulan o 55,3% do total do endebedamento rexional. A continuación, figuran Andalucía (11.472 millóns de euros), Galicia (5.544 millóns), Castela-A Mancha (4.829 millóns), País Vasco (3.925 millóns), Baleares (3.822 millóns), Castela e León (3.450 millóns de euros), Canarias (3.395 millóns), Aragón (2.612 millóns), e Murcia (1.827 millóns). Completan a lista Navarra (1.545 millóns), Estremadura (1.341 millóns), Asturias (1.309 millóns), A Rioxa (689 millóns) e Cantabria (682 millóns).
En canto á evolución da débeda, ningunha comunidade autónoma logrou reducir o seu endebedamento respecto ao pasado ano, destacando o incremento do 186% no caso de País Vasco, o 55% de Canarias, o 51,1% de Navarra ou o 50,2% de Murcia.
A débeda dos concellos e do 3,4 do PIB
Pola súa banda, as corporacións locais arroxaron unha débeda de 36.413 millóns de euros no segundo trimestre en relación a igual período de 2009, o equivalente ao 3,4% do PIB, o que representa un aumento do 11,4% sobre o mesmo período do exercicio precedente.
Do total da débeda das corporacións locais, a maior parte (29.253 millóns) corresponde aos concellos, cun incremento do 11,4%, e desta cifra, 14.779 millóns pertencen a capitais de provincia. A débeda dos concellos de máis de 500.000 habitantes (Barcelona, Madrid, Málaga, Sevilla, Valencia e Zaragoza) alcanzou os 10.792 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,1%.
Destaca, sobre todo, o incremento do 19,3% da débeda do consistorio de Barcelona, que sumou 794 millóns de euros, e o de Valencia, que elevou o seu endebedamento un 12,3%, ata os 862 millóns de euros. A débeda do Concello de Madrid (7.145 millóns) é superior ao de todas as comunidades excepto Cataluña, Comunidade Valenciana e Andalucía. Ademais, é case dez veces superior á débeda do concello de Barcelona.

Ningún comentario: