domingo, 10 de outubro de 2010

O ´PODER´ DO POBO

A implantación do sufraxio universal, os últimos anos do século XIX, supuxo un cambio substancial na titularidade da soberanía, que de estar en mans dos propietarios de terras e industrias por medio do sufraxio censitario, pasou a ser a soberanía de todos, á marxe das propiedades que se tivesen. O poder, como un dereito esencial recoñecido nas Constitucións, quedaba en mans de todos os compoñentes da sociedade. Foi unha conquista esencial, unha devolución ao pobo do que se lle debía e, xa que logo, parecía que xa non se daría marcha atrás. Agora, nestes tempos de tantas malas noticias por mor da crise económica mundial, tanto para os que traballan como para os que non o fan porque perderon o seu posto ou porque non o tiveron aínda, ou para os que nunca terán un traballo estable e de acordo coas súas expectativas, ou para moitos mozos que, se saíron da casa paterna, tiveron que regresar a ela forzados polo paro, ou para os maiores... Agora estase producindo o camiño inverso da soberanía, desprazándose desde os Parlamentos nacionais, representantes da soberanía popular, aos grandes consorcios financeiros multinacionais, que ditan que contrarreformas hai que facer ou que conquistas sociais hai que suprimir.
¿É posible que a sociedade desoiga o brutal retroceso á Idade Media, cando os donos da riqueza érano tamén da vida dos homes? ¿É posible que todos os cidadáns queden pendendo dun fío en tan pouco tempo?
Foron necesarios tres séculos de loitas políticas e sindicais para deixar o poder alá onde debe residir, no pobo, e foron suficientes tres escasos anos para facer crer ao mundo que son "os mercados" os únicos depositarios deste poder.-
C.G.

Ningún comentario: