venres, 24 de decembro de 2010

ABEL CABALLERO, O SOCIALISTA

A Xustiza anula a subida do prezo dos aparcadoiros que aprobou Caballero-O Tribunal Superior cualifica de abuso o redondeo das tarifas en varios aparcadoiros públicos de Vigo

VÍTIMAS DE ABUSOS, SEN DEREITO A INDEMNIZACIÓNS. AS CONSECUENCIAS ECONÓMICAS PARA OS AUTORES SERÁN IMPORTANTES.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a subida das tarifas dos aparcadoiros municipais de Vigo que o goberno do socialista Abel Caballero adoptou fai tres anos para compensar o establecemento do cobro por minutos. A sentenza é firme e dá a razón ao recurso presentado pola Unión de Consumidores e Usuarios. Para iso, anula unha sentenza inicial do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo que aprobara a medida.
O argumento do alcalde vigués era que o redondeo, obviamente á alza, das tarifas de seis aparcadoiros de concesión municipal adoptábase para «manter o equilibrio dos diferentes contratos». O fallo da Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo é tallante ao considerar que dita medida adoptouse «sen existir sequera un estudo económico comparativo relativo ao eventual incremento ou diminución do número de rotacións dos aparcadoiros antes e despois».
Tamén se afirma na sentenza do TSXG que a medida buscaba «tratar de xustificar a perpetuación do abuso, primeiro a través do redondeo e logo mediante o incremento das tarifas, manténdose as marxes do abusivo e ilexítimo beneficio empresarial so capa da ruptura dun equilibrio financeiro calculado baixo a premisa da abusiva situación anterior».
O cambio tarifario estivo motivado por unha directiva comunitaria destinada a garantir o cobro polos minutos reais de estacionamento, que España aplicou con atraso. O tribunal asegura que en Vigo «a Administración municipal está obrigada a aplicala de forma efectiva pola súa suxeción á legalidade normativa e regulamentaria».
Consecuencias millonarias
A sentenza afecta inicialmente a sete aparcadoiros de Vigo creados baixo concesión municipal. Trátase do existente no centro comercial Praza Elíptica, os construídos nas rúas Urzaiz, Venezuela e Coruña, así como baixo as prazas da Independencia, Fernando o Católico e do Rei. Os xuíces establecen no fallo que non cabe fixar «determinación indemnizatoria algunha». Xa que logo, non haberá posibilidade de recuperar o diñeiro pagado en exceso desde febreiro do 2008.
Con todo, as consecuencias económicas para as empresas concesionarias serán importantes. O avogado Miguel Fernández-Pedrera, que levou directamente este preito e que preside a Unión de Consumidores de Pontevedra, calcula que nas décadas de concesión que restan só a dúas dos aparcadoiros (Urzaiz e Independencia) a eliminación do redondeo suporá unha redución de ingresos de 19 millóns de euros. Pedrera non descarta que o fallo afecte tamén a outros aparcadoiros construídos despois

Ningún comentario: