sábado, 18 de decembro de 2010

O CAMBIO CLIMÁTICO, UNHA LOITA COMÚN

O cambio climático supón un reto para a humanidade e o desenvolvemento tecnolóxico, e debemos afrontalo como única especie culpable, sendo ademais a única con capacidade de intervención directa. A ciencia leva moitos anos actuando en beneficio propio, ademais o noso desenvolvemento como sociedade, baseouse en tecnoloxías moi contaminantes. Ambos os ingredientes foron determinantes na situación ambiental actual.
Con todo, o mal xa está feito, e ese desenvolvemento tan nocivo, por outra banda, dotounos de ferramentas coas que poder traballar para modificar as tecnoloxías actuais por tecnoloxías sostibles, permitindo que a partir de agora non empeoremos a situación do medio. Agora empezamos a tomar en conta liñas de investigación e desenvolvemento que nos conducirán a unha vida con respecto pola contorna natural. Pero para chegar a bo porto nunca hai que perder de vista o fin, converter a sociedade nun modelo realmente sostible; aínda que é fácil perder de vista tal fin cando deixa de ser todo o rendible que se desexaría.
Con todo, incido novamente na incrible capacidade de cambio, de mellora, que nos proporciona o noso avance científico-tecnolóxico que, lonxe de ser desprezado, ha de ser esixido pola sociedade. Debemos esixir o seu uso responsable e correcto en beneficio de todos os seres que habitan este mundo. Pero sobre todo habemos de ter en conta que respectar o medio ambiente é un interese da humanidade, xa que a nosa permanencia aquí depende diso.

Ningún comentario: